Feira do Moble de Galicia

Feira do Moble de Galicia

Nemesio Rey considera “satisfactorio” o balance da feira e asegura que “ten moito percorrido”

25 Setembro, 2018 |by wecom | 0 Comments | blog | ,

O xerente da Fundación de Exposicións e Congresos da Estrada, Nemesio Rey, cualificou hoxe como “satisfactorio” o balance da 32ª Feira do Moble de Galicia desde a perspectiva da organización e asegura que as cifras de visitantes e as valoracións xerais dalgúns expositores constatan que o certame “aínda ten moito percorrido por diante, para que siga a ser o referente do moble da Estrada en toda Galicia”.

Na rolda de prensa ofrecida este mediodía no recinto feiral, Nemesio Rey considerou que os cambios introducidos este ano -a eliminación dos stands fixos, a redistribución dos espazos, a redución de nove a cinco días e a maior aposta no eido da comunicación e o marketing- foron “positivos”. “Non quero ser triunfalista, pero sabemos que facendo así as cousas e seguindo con esta dinámica, a Feira do Moble pode superar as cifras deste ano, que xa foron realmente boas”, apuntou.

Para iso, apelou ao “traballo conxunto das administracións, a fundación e o sector” para seguir impulsando a feira. Desde a perspectiva da fundación, asumiu o reto de “tentar traer aínda máis mobles que este ano, incluso aumentando algún pavillón o ano que vén”, para responder á demanda manifestada nas enquisas polos visitantes, que desexan contar con máis stands de mobiliario e cunha maior diversidade de oferta e de estilos.

De cara ao futuro, o xerente da fundación anunciou que “en breve” convocará unha reunión co sector do moble, priorizando aos expositores que participaron nesta edición da feira, pero convidando tamén a aqueles que non o fixeron para “escoitar as súas opinións” e tentar convencelos de que asistan o vindeiro ano. “Nós facemos  a nosa valoración, pero tamén queremos escoitar o que os expositores viron desde os seus stands, desde dentro da feira, para, entre todos, seguir cambiando e mellorando cousas”, remarcou.

En canto aos posibles cambios, Nemesio Rey apuntou que unha das cuestións que se valorará será a ampliación do horario de peche, pasando das oito da tarde ás nove, así a potenciación dos showcookings e a incorporación “doutras actividades paralelas que chamen realmente a atención”.

 

KEEP READING

O 56% dos visitantes realizou compras na feira ou estableceu contactos para mercar

24 Setembro, 2018 |by wecom | 0 Comments | blog | , ,

As enquisas realizadas polo persoal da organización da 32ª Feira do Moble de Galicia a preto de 600 das case 12.000 persoas que visitaron o recinto feiral desde o mércores ata onte revelan que un 56% dos enquisados realizou compras directas durante a feira ou estableceu contactos con expositores coa intención de formalizar algunha compra no futuro.

Ademais, o impacto económico da feira non só se limitou ao interior do recinto feiral, senón que o 9% dos enquisados procedentes de fóra da Estrada pernoctaron alomenos unha noite no municipio e o 40% do total dos enquisados realizaron gasto en restaurantes da zona. Precisamente, en canto á lugar de orixe, o 56% dos enquisados chegou de diferentes puntos da provincia de Pontevedra -a metade deles do municipio estradense-, seguidos da provincia da Coruña (33%), de Ourense (5%), de Lugo (4%) e doutros lugares (2%).

Respecto do impacto económico da feira, as estatísticas revelan tamén que o 33% dos enquisados asegurou ter realizado compras no comercio local, o 55% acudiu a bares, cafetarías ou estacións de servizo e o 22% apuntou que, aproveitando a visita á feira, tamén realizou algunha visita turística na Estrada.

En canto á valoración desta trixésimo segunda edición da feira, o 78% dos enquisados aproba en xeral o certame, sendo o 14% os que o puntúan cun suficiente, o 20% cun ben, o 35% cun notable e o 9% cun sobresaínte. Pola contra, só un 22% a valoran con notas inferiores ao 5.

Ademais, o 73% dos enquisados amósase satisfeito (64%) ou moi satisfeito (9%) coa calidade dos expositores participantes nesta feira, se ben un 44% do total considera que a cantidade de firmas é insatisfactoria. Precisamente, o incremento da cantidade dos expositores, así como a necesidade de priorizar a presenza de fabricantes e comerciantes de mobles en detrimento doutros sectores complementarios, xunto coa conveniencia de reforzar a presenza de novos estilos -máis modernos e innovadores-, son as principais suxestións aportadas nas enquisas.

Interese maioritario no mobiliario

Estes datos confirman as respostas ofrecidas sobre os sectores que máis interesan aos visitantes, sendo o mobiliario o primeiro (63%), seguido a distancia dos complementos (18%), as antigüidades (11%) e outros (8%).

Outro dato de interese é que o 34% do total das persoas enquisadas visitaban a Feira do Moble por primeira vez e un 53% adiantou a súa intención de volver visitala o vindeiro ano, deixando aberta esta posibilidade o 33%.

KEEP READING

A 32ª Feira do Moble pecha as portas con preto de 12.000 visitantes en só cinco días

23 Setembro, 2018 |by wecom | 0 Comments | blog | ,

O recinto feiral da Estrada acaba de pechar as portas da 32ª Feira do Moble de Galicia tras recibir a visita de preto de 12.000 persoas desde o pasado mércores, alcanzando en só cinco días as cifras de afluencia de público rexistradas durante as nove xornadas da feira do ano pasado.

 

O xerente da Fundación de Exposicións e Congresos, Nemesio Rey, indicou que esta xornada dominical foi “con gran diferencia” a que concentrou un maior número de visitantes -especialmente entre as catro e as oito da tarde- e destacou que “había tempo que non se lembraban colas de espera para comprar as entradas”.

 

Segundo avanzou, o martes comparecerá nunha rolda de prensa para expoñer, desde a perspectiva da organización, un balance exhaustivo desta edición, á que se referiu “como a mellor dos últimos tempos”, e para facer tamén unha valoración dos resultados das enquisas realizadas aos visitantes, que xa se darán a coñecer ao longo da xornada de mañá.

KEEP READING

Gonzalo Caballero reclama que a Xunta “cumpra os deberes” coa Cidade do Moble, a autovía e a ampliación do solo industrial

23 Setembro, 2018 |by wecom | 0 Comments | blog | ,

A derradeira xornada da 32ª Feira do Moble de Galicia estivo marcada pola mañá pola visita do secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, que aproveitou o seu percorrido polos stands para “poñer en valor a Feira do Moble da Estrada, que é unha referencia do sector a nivel nacional e internacional e un elemento significativo para o desenvolvemento da Estrada e da contorna e que representa tamén a capacidade do sector produtivo galego de dar emprego, de facer investimentos e de adaptarse aos novos tempos internacionais”.

Gonzalo Caballero cuestionou tamén que “Feijoo siga na súa escalada de especulación sobre o seu futuro mentres A Estrada segue a ter problemas moi importantes para ser arranxados”. Así, apuntou que “a Feira do Moble é unha mostra evidente de que hai un potencial produtivo en Galicia que necesita de impulso desde a Consellería de Economía, Emprego e Industria e desde o Goberno da Xunta de Galicia, que non está a cumprir os seus deberes cos sectores produtivos do país”.

“Os incumprimentos da Cidade do Moble, os problemas de infraestruturas, en concreto a autovía de conexión con Santiago, os problemas de solo industrial cun polígono que está esgotado e que non permite que haxa maior capacidade de industria nesta bisbarra e os recurtes sociais da dereita poñen enriba da mesa un problema real, que é que A Estrada, un concello de referencia na estrutura xeográfica de Galicia, está nunha situación dunha encrucillada histórica; porque concellos como A Estrada, en función do que se faga coas políticas públicas poderán ter a posibilidade de ser concellos importantes con calidade de vida para os seus cidadáns ou acabarán estando nunha liña de esgotamento que os converterá en concellos cada vez máis envellecidos e sen posibilidade de futuro para xente máis nova e sen capacidade de xerar emprego. Para iso é necesario rexenerar o plan de traballo sobre o sector do moble na Estrada, que incorpore unha actividade de I+D+i, que é fundamental para poder dinamizar o sector produtivo e facelo máis competitivo”, remarcou.

KEEP READING

A innovación nos acabados e revestimentos, protagonista no cuarto día da Feira do Moble

22 Setembro, 2018 |by wecom | 0 Comments | blog | , ,

O innovador proxecto Erasmus+ FUTUREfacing, centrado na innovación nos acabados e revestimentos que se empregan na fabricación de mobles, foi un dos protagonistas centrais desta cuarta xornada da 32ª Feira do Moble de Galicia, na que o recinto feiral da Estrada incrementou notablemente a afluencia de visitantes rexistrada nos días anteriores.

A xefa do Servizo de Orientación Profesional e Relación con Empresas da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Ana Alzate, e a técnica do CIS Madeira, Montserrat Rodríguez, foron as encargadas de explicar os avances rexistrados neste proxecto xurdido en 2017 e que integra aos seguintes socios: os centros tecnolóxicos CIS Madeira e CIS Galicia; a Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa; as empresas Finsa e Ilva; o centro educativo Rakvere Ametikool, de Estonia; e a asociación británica de fabricantes de acabados “British Coating Federation” (BCF).

Montserrat Rodríguez precisou que “o obxectivo do proxecto é transmitirlle aos alumnos información actualizada sobre os acabados e revestimentos dos mobles porque eses alumnos serán logo os vehículos que levarán a innovación ás empresas cando se incorporen ao mercado laboral”. Para iso, as distintas partes implicadas no proxecto están a traballar en tres liñas: a creación dun manual para que o alumnado e o profesorado dispoña de información actualizada; un simulador virtual de vernizado, que se está a exhibir na Feira do Moble e que ten como misión facilitar a aprendizaxe dos alumnos á hora de realizar este labor; e unha base de datos de produtos empregados nos acabados e revestimentos, que será pública e que permitirá consultar a través de internet un listado de distintos fabricantes.

Produtos axeitados para a docencia

Pola súa parte, Ana Alzate explicou que “o papel da Consellería céntrase en coordinar a participación do profesorado que está a validar que os produtos que se elaboran neste proxecto sexan axeitados para a docencia e estean adaptados ás necesidades do alumnado”.

“A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria ten unha ampla experiencia na participación de proxectos europeos non só deste tipo de innovación, senón tamén en proxectos de mobilidade, tanto do alumnado como do profesorado e dos recén titulados. Por iso este proxecto encaixa na liña de apostar por unha Formación Profesional de calidade, baseada na internacionalización e na innovación, camiñando sempre a carón das empresas, para que cumpra as necesidades dos sectores produtivos. Isto tradúcese nunha Formación Profesional cun alto nivel de inserción laboral”, asegurou Ana Alzate, antes de destacar “o papel que ten a F.P. Dual, que coa incorporación este ano de 39 ciclos, está a camiñar ao lado das empresas”.

Pola súa parte, o estradense Xosé Magariños, mestre participante na parte pedagóxica do proxecto, lembrou que “esta iniciativa naceu dunha necesidade dos docentes de contar con material actualizado no ámbito do acabado e do revestimento do mobiliario, xa que non existía ningún material didáctico”. Ao respecto, avanzou que, tras presentar o estado do proxecto na Feira do Moble, a vindeira semana un grupo de mestres galegos viaxará ata Estonia para reunirse cos profesores estonios do Rakvere Ametikool ao fin de avaliar tanto os avances no manual como no simulador.

Ademais desta presentación, na xornada de hoxe tamén destacou a visita realizada á Feira do Moble polos moteiros participantes na primeira ruta A Estrada Trail, así como a actividade do circuíto infantil de seguridade vial, instalado a carón do pavillón 2 por xentileza de Reale Seguros A Estrada.

KEEP READING

Luís Villares insta á Xunta a mellorar os plans de formación e a apostar pola modernización das pemes do moble

21 Setembro, 2018 |by wecom | 0 Comments | blog | , ,

O voceiro de En Marea, Luís Villares, defendeu esta mañá durante a súa visita á 32ª Feira do Moble de Galicia a necesidade de apostar pola mellora na formación co obxectivo de adaptala ás necesidades e á realidade actual do sector do moble.

Villares realizou estas declaracións despois de manter un encontro con mestres e alumnos/as do IEs Antón Losada Diéguez e no transcurso do percorrido realizado polo recinto feiral na compaña do deputado no Parlamento Francisco Casal e da voceira de Móvete, Mar Blanco, así como do xerente da Fundación de Exposicións e Congresos da Estrada, Nemesio Rey.

O voceiro de En Marea destacou que “o futuro do sector do moble está inmerso nun proceso de modernización e, polo tanto, non se pode deixar a marxe da formación”: “é necesario que a Formación Profesional inclúa tamén á básica para captar alumnado para o ciclo medio que é o que se está a dar neste momento, e tamén con vocación de futuro, unha F.P. superior da madeira e do moble” afirmou.

“Desde En Marea o que se busca é que se forme unha man de obra cualificada para atender ás necesidades do sector, que pasan polo proceso de modernización e precisan polo tanto traballadores e traballadoras cualificadas”, asegurou. “É preciso, polo tanto, a actualización dos plan de formación e que a Xunta aposte pola  modernización dos equipos das pequenas e medianas empresas que son as que xeran a maior parte do emprego no noso país, tamén no sector do moble. Isto melloraría ao mesmo tempo a calidade de emprego de toda a comarca da Estrada”, concluíu o voceiro de En Marea.

Showcooking e premio xornalístico

Na xornada de hoxe tamén se celebrou o terceiro e último showcooking programado pola organización da Feira do Moble, que correu a cargo do cociñeiro Pepe Solla e tivo lugar no stand de Corral y Couto.

Finalmente, antes do peche do recinto feiral celebrouse o acto de entrega do XXIII Premio Xornalístico Manuel Reimóndez Portela, que recibiu Fernando Redondo Neira polo seu artigo “Derivas e encrucilladas do Novo Cinema Galego”, publicado na revista Tempos Novos.

Este acto, que estivo presidido polo concelleiro de Cultura da Estrada, Juan Constenla Carbón, que é membro do Comité de Seguimento do Premio, tamén contou coa presenza do secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, e do deputado provincial de Cutlura e Lingua, Xosé Leal, entre outras autoridades, ademais dos familiares de Reimóndez Portela. A entrega do premio estivo precedida da tradicional ofrenda floral no exterior do recinto feiral.

KEEP READING

Ana Pontón propón crear unha unidade pública de I+D+i para o sector da madeira e o moble

20 Setembro, 2018 |by wecom | 0 Comments | blog |

A segunda xornada da 32ª Feira do Moble de Galicia estivo marcada principalmente pola visita que realizou esta mañá a voceira nacional do BNG, Ana Pontón, acompañada por diversos cargos do seu partido, e pola charla técnica ofrecida polo subdirector xeral de Relacións cos GDRs de Agader, Javier Blanco Carballal, para explicar as axudas Leader.

Nas declaracións realizadas aos medios de comunicación antes de percorrer todo o recinto feiral, Ana Pontón manifestou o apoio do BNG “ao sector do moble da Estrada e a esta feira, que é importante e non só está referenciada na Estrada, senón que ten dimensión galega e pretende ser o escaparate da capacidade e da potencialidade que hai neste ámbito”.

Segundo Pontón, o sector do moble en Galicia “está a realizar un esforzo importante por situarse na onda da modernidade”, polo que aproveitou para reflexionar “sobre as potencialidades perdidas” que ten Galicia en relación co sector do moble e o sector da madeira: “hai moi pouca madeira de calidade producida en Galicia, xa que só o 8% da madeira que se tala no noso país acaba sendo madeira que se utiliza para a transformación e iso fainos perder oportunidades de emprego e valor engadido”.

Neste senso, solicitoulle á Xunta de Galicia “unha aposta polas madeiras de calidade a medio prazo” e propuxo, ademais, “a creación dunha unidade pública de i+D+i para o sector da madeira e do moble que aposte pola investigación en novos materiais, acabados, deseños vangardistas e por mellorar a produtividade do propio sector para posicionar a Galicia na vangarda da produción de mobles de calidade”.

En clave máis local, Ana Pontón amosou a súa “preocupación pola paralización da Cidade do Moble, un proxecto que leva durmindo durante anos nuns caixóns de San Caetano”. Na súa opinión, é preciso crear “solo empresarial a bo prezo, que permita dimensionar estas empresas”, sen esquecer a obriga “de ser coidadosos desde o punto de vista medioambiental”. Finalmente, tamén reclamou a mellora das vías de comunicación na Estrada, en especial a variante da Estrada, para mellorar a conectividade por estrada e a saída natural cara ao porto de Vilagarcía de Arousa.

Axudas do programa Leader

Pola súa parte, o subdirector xeral de Relacións cos GDRs de Agader, Javier Blanco Carballal, ofreceu esta mañá unha charla para explicar as posibilidades que ofrecen as axudas Leader ás empresas asentadas no rural. Ademais de apuntar os requisitos necesarios para acollerse a este programa, Javier Blanco asegurou que “o sector do moble e da segunda transformación da madeira ten no Leader unha moi boa oportunidade para desenvolver os seus proxectos de futuro”.

As actividades desta segunda xornada remataron coa celebración dun showcooking a cargo do cociñeiro Jaume García, de Velis Nolis Bistró (A Estrada), no stand de Fervenza Mobiliario (pavillón 3).

KEEP READING

Rueda destaca a importancia da internacionalización e a innovación na apertura da 32ª Feira do Moble de Galicia

19 Setembro, 2018 |by wecom | 0 Comments | blog | ,

O vicepresidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, destacou hoxe a importancia da internacionalización e da innovación na apertura da 32ª Feira do Moble de Galicia, que permanecerá aberta ata o vindeiro domingo no recinto feiral da Estrada. Rueda participou na inauguración acompañado polo secretario xeral de Política Lingüistica, Valentín García; o alcalde estradense, José López Campos; o xerente da Fundación de Exposicións e Congresos da Estrada, Nemesio Rey; os deputados provinciais Digna Rivas, Javier Dios e Belén Cachafeiro; e outras autoridades.

Durante os próximos cinco días A Estrada será a capital do moble con 65 expositores de distintos ámbitos que fan do evento un inmellorable escaparate de mobiliario. Segundo destacou o vicepresidente da Xunta, “o ano 2017 foi un ano récord en exportacións para o sector da madeira e as súas manufacturas, superando os 800 millóns de euros”. Ademais, remarcou que as empresas galegas do moble son algunhas das moitas que están a participar en proxectos de construción en máis de 90 países.

Alfonso Rueda manifestou tamén a aposta da Xunta de Galicia por proseguir na mesma liña de traballo, xa que “o crecemento económico de Galicia tense consolidado por riba do 3%, con cinco anos consecutivos superando o teito das exportacións”. Por tal motivo, incidiu en que “cómpre defender que o sector da madeira e do moble é unha industria fundamental para Galicia, cunha innegable vinculación co medio rural xogando un papel moi relevante na creación de emprego de calidade”.

KEEP READING

Un total de 65 expositores de seis comunidades e de Portugal participarán na 32ª Feira do Moble de Galicia

14 Setembro, 2018 |by wecom | 0 Comments | blog | ,

O recinto da Fundación de Exposicións e Congresos da Estrada acolleu esta mañá a presentación da trixésimo segunda edición da Feira do Moble de Galicia, que reunirá do 19 ao 23 de setembro a un total de 65 firmas de mobiliario, interiorismo e decoración procedentes de diferentes puntos de Galicia, Madrid, País Vasco, Asturias, Castilla-La Mancha, Comunitat Valenciana e tamén de Portugal.

Nunha rolda de prensa ofrecida no interior do pavillón número 3, que será o que acolla á meirande parte das 15 empresas da Estrada e da contorna que asistirán á feira, o xerente da fundación, Nemesio Rey, destacou que “os visitantes, sexan familias ou profesionais de áreas como a arquitectura, a decoración ou o interiorismo, poderán atopar todo o que precisan para amoblar e equipar o seu fogar ou o seu negocio, xa que as empresas que traballan no mercado do contract tamén terán o seu protagonismo”.

Nesta liña incidiu tamén o alcalde da Estrada e vicepresidente do padroado da fundación, José López, que quixo poñer en valor que “o sector do moble e da madeira na Estrada está no seu mellor momento histórico”: “as grandes fábricas de produción da Estrada están en máximos históricos de facturación e teñen capacidade para amoblar desde o barco de cruceiros máis luxoso ata os mellores hoteis do mundo”. Por iso, avogou por “fuxir de vitimismos” e, se ben considerou que “é necesaria a autocrítica e a reflexión para aprender dos erros”, aplaudiu “os cambios e as melloras substanciais na feira para achegarlle unha nova proposta aos visitantes”. “Aínda que houbo 31 edicións anteriores, esta feira será a edición número 1 dunha nova etapa”, remarcou López.

“Penso que agora estamos no camiño correcto, no que esta fundación ten que ser un organismo útil para o sector, de forma que sexa o medio que permita que o propio sector poida ter un escaparate para presentar as súas propostas”, afirmou o alcalde estradense, antes de engadir que “ábrese un horizonte máis interesante do que poidamos ver nos últimos anos”.

Directora xeral de Comercio

Pola súa parte, a directora xeral de Comercio, Sol María Vázquez Abeal, destacou que “A Estrada, como sitio do moble por excelencia en Galicia, vese que está a coller novos folgos e a readaptarse cara novos mercados”. “O reto era visualizar todo o traballo que está a facer o empresariado do sector da madeira e do moble e non había outro espazo que non fora o recinto feiral desta fundación, que ten que ser un instrumento, non un fin, que sexa capaz de trasladar todo o saber facer e toda a imaxe que está a proxectar o sector”, salientou.

Neste contexto, recoñeceu “o gran esforzo realizado, tanto visualmente como no concepto da feira” e animou aos galegos a visitar o recinto feiral porque “o que vai atopar o visitante é unha feira distinta, que busca chegar non só ao consumidor final senón tamén a aqueles profesionais que poidan ser usuarios do sector do contract”.

Showcookings

Entre as últimas novidades da feira reveladas hoxe na rolda de prensa destaca a celebración de varios showcookings con degustacións gratuítas nos stands de Mucarce, Fervenza Mobiliario e Corral y Couto, nas que participarán cociñeiros como Pepe Solla (Casa Solla de Poio), Diego López (Restaurante La Molinera de Lalín), Jaume García (Velis Nolis Bistró, de A Estrada) e profesionais do restaurante O Camiño (A Estrada).

 

KEEP READING

Fernando Redondo gaña o XXIII Premio Manuel Reimóndez Portela cun artigo sobre o cine galego

12 Setembro, 2018 |by wecom | 0 Comments | blog | ,

O xurado do Premio Xornalístico Manuel Reimóndez Portela acordou na reunión celebrada esta tarde na sede da Fundación de Exposicións e Congresos da Estrada outorgar o galardón desta vixésimo terceira edición a Fernando Redondo Neira polo artigo “Derivas e encrucilladas do novo cinema galego”, publicado na revista Tempos Novos.

O xurado, que agradeceu a presentación dunha vintena de traballos e destacou a calidade dos mesmos, valorou do artigo gañador “a impecable redacción e plantexamento, sendo preciso e concreto, ben informado e moi documentado”. Nesta ocasión, a deliberación correu a cargo do concelleiro de Cultura da Estrada, Juan Constenla, como presidente do xurado, Victoria Reimóndez Sanmartín, Evaristo Mato Oliveira, Enrique Otero Fernández e Juan Andrés Fernández Castro, exercendo como secretario con voz pero sen voto José Manuel Bouzas Blanco.

O premio, que está dotado con 1.000 euros, unha talla conmemorativa e un diploma acreditativo, entregarase no transcurso da 32ª Feira do Moble de Galicia, concretamente o venres 21 de setembro ás 19.00 horas. O acto, que presidirá o alcalde da Estrada, José López, e que contará coa presenza de persoeiros do ámbito cultural de Galicia, estará precedido dunha ofrenda floral a cargo do Coro Parroquial de San Miguel de Castro e será presentado pola profesora de Literatura Galega na Universidade de Santiago de Compostela e coordinadora do Diccionario de Literatura Galega publicado pola Editorial Galaxia, Dolores Vilavedra Fernández.

KEEP READING