A Feira do Moble alcanza o 100% de ocupación con expositores da Comunidade Autónoma

31 Agosto, 2022 |by FECAE | 0 Comments | NOVAS

Faltan pouco máis de quince días para que A Estrada reciba a trixésimo cuarta Feira do Moble de Galicia. Esta nova edición vén de alcanzar o 100% da ocupación do seu espazo expositivo, no que firmas autonómicas, nacionais e internacionais mostrarán todas as novidades do sector do fogar durante os catro días de duración do certame.

Os usuarios interesados en coñecer o mercado actual de mobiliario doméstico e decoración teñen unha cita ineludible do 15 ao 18 de setembro, de 11.00 a 20.00 horas, no Recinto Feiral A Estrada. A maioría dos expositores pertencen á comunidade galega, tamén poderán coñecer e deixarse aconsellar por firmas procedentes de Biscaia, Ciudad Real, Córdoba, Madrid, Toledo, Sevilla, Valladolid ou Portugal.

Reunión do Comité Executivo

Por outra banda, o Comité Executivo da Fundación de Exposicións e Congresos da Estrada reuniuse para tratar diferentes temas. Ao encontro asistiron o alcalde da Estrada, José López Campos; o delegado territorial da Xunta de Galicia en Pontevedra e o representante da ACE , José Luís Carracedo.

Na reunión presentouse a proposta publicitaria para a Feira do Moble, así como os orzamentos da entidade para o ano 2023.

Malia que haberá que agardar ata o vindeiro xoves 15 de setembro para coñecer en vivo e directo as novas en materia de decoración, mobiliario, electrodomésticos, complementos do fogar, instalación de piscinas, automatismos ou enerxías renovables, entre outras moitas ofertas, dende o Recinto Feiral A Estrada comezarase nos próximos días coa presentación de expositores e a campaña publicitaria do evento.

KEEP READING

A Feira do Moble de Galicia acada o 90% de ocupación do seu espazo expositivo a un mes do inicio do certame

17 Agosto, 2022 |by FECAE | 0 Comments | NOVAS

Cando falta aproximadamente un mes para a inauguración da 34ª edición da Feira do Moble de Galicia, que terá lugar entre os días 15 e 18 de setembro, a Fundación de Exposicións e Congresos da Estrada conta xa cun 90% do seu espazo expositivo ocupado. O evento, que tivo que pospoñer as súas citas habituais dos anos 2020 e 2021 por mor da pandemia sanitaria motivada polo coronavirus, retoma así a súa tradicional celebración con practicamente os seus catro pavillóns reservados.  

Nesta nova edición, os visitantes atoparán un certame orientado ao equipamento completo do fogar. Deste xeito, xunto a mobiliario de distintas tendencias, o público poderá percorrer 11.000 metros cadrados de exposición nos que estarán presentes sectores afíns como son a decoración, os complementos domésticos, a instalación de piscinas, os electrodomésticos, os automatismos ou as enerxías renovables, entre outros.

Amplo programa de actividades complementarias

Durante as súas catro xornadas de duración, a Feira do Moble de Galicia abrirá as súas portas dende as 11.00 ás 20.00 horas, tempo no que ademais de visitar a propia exposición os visitantes terán ao seu dispor un programa de actividades complementarias que se darán a coñecer nos próximos días.

Esta agardada cita do escaparate estradense do moble e do fogar chega logo de dous anos de interrupción a raíz da pandemia sanitaria. Neste senso, cabe lembrar que na súa última edición foron moitas as persoas que se achegaron ata o Recinto Feiral da Estrada e que realizaron compras ou contactos directos cos expositores presentes na feira.

KEEP READING