22 Setembro, 2019
|by FECAE
|
0 Comments
|
NOVAS
A Fundación
de Exposicións e Congresos da Estrada, como entidade organizadora da Feira do
Moble de Galicia, fixo públicos hoxe os resultados da enquisa realizada nos
últimos días a 325 visitantes, na que destaca o feito de que o 58% das persoas
enquisadas (193 mulleres e 132 homes) afirmou ter realizado compras na feira ou
ter establecido contactos para concretar compras no futuro.
Respecto
aos ámbitos de interese, a meirande parte dos enquisados (73%) asegurou que
visitaba o certame atraído polos expositores de mobiliario, mentres que o 11%
buscaba complementos, o 10% antigüidades e o 6% restante, outros subsectores.
En
canto á procedencia dos enquisados, a provincia de Pontevedra é a que máis
visitantes aporta á Feira do Moble cun 70%, dos cales o 26% corresponden ao
municipio estradense e o 44% restante aos concellos do resto da provincia. Por
detrás, séguelle no ranking A Coruña cun 23%, Lugo cun 2% e Ourense cun 1%. O
2% restante corresponde a visitantes de fóra de Galicia.
As
estatísticas da enquisa indican tamén que o 51% dos visitantes acudiron á Feira
do Moble por primeira vez e que o 50% dá por seguro que voltará en vindeiras
edicións, mentres que o 35% non descarta esa posibilidade.
Preguntados
sobre o coñecemento da celebración desta Feira do Moble, o 20% asegurou terse
informado a través dos xornais, o 18% a través da radio, o 17% mediante as
bandeirolas publicitarias, o 15% por internet, o 6% pola televisión e o 24%
restante por outros medios.
Valoración positiva
En
xeral, a opinión dos enquisados respecto a esta 33ª Feira do Moble de Galicia é
positiva, xa que o 77% concédelle máis dun aprobado, sendo o 51% os que lle
outorgan como mínimo un notable. Ademais, o 62% valora satisfactoriamente a cantidade
de empresas expositoras e o 77% considérase satisfeito coa calidade das mesmas.
Repercusión económica na contorna
En
canto á repercusión da Feira do Moble de Galicia na economía da contorna, a
enquisa revela que dos visitantes procedentes de fóra do municipio estradense o
12% pernoctou na Estrada, o 35% acudíu a algún restaurante local, o 35% mercou
en comercios locais, o 12% aproveitou a ocasión para realizar algunha visita
turística e o 52% realizou algún gasto en gasolineiras, bares ou cafetarías.
KEEP READING