Un total de 65 expositores de seis comunidades e de Portugal participarán na 32ª Feira do Moble de Galicia

14 Setembro, 2018 | wecom | blog

O recinto da Fundación de Exposicións e Congresos da Estrada acolleu esta mañá a presentación da trixésimo segunda edición da Feira do Moble de Galicia, que reunirá do 19 ao 23 de setembro a un total de 65 firmas de mobiliario, interiorismo e decoración procedentes de diferentes puntos de Galicia, Madrid, País Vasco, Asturias, Castilla-La Mancha, Comunitat Valenciana e tamén de Portugal.

Nunha rolda de prensa ofrecida no interior do pavillón número 3, que será o que acolla á meirande parte das 15 empresas da Estrada e da contorna que asistirán á feira, o xerente da fundación, Nemesio Rey, destacou que “os visitantes, sexan familias ou profesionais de áreas como a arquitectura, a decoración ou o interiorismo, poderán atopar todo o que precisan para amoblar e equipar o seu fogar ou o seu negocio, xa que as empresas que traballan no mercado do contract tamén terán o seu protagonismo”.

Nesta liña incidiu tamén o alcalde da Estrada e vicepresidente do padroado da fundación, José López, que quixo poñer en valor que “o sector do moble e da madeira na Estrada está no seu mellor momento histórico”: “as grandes fábricas de produción da Estrada están en máximos históricos de facturación e teñen capacidade para amoblar desde o barco de cruceiros máis luxoso ata os mellores hoteis do mundo”. Por iso, avogou por “fuxir de vitimismos” e, se ben considerou que “é necesaria a autocrítica e a reflexión para aprender dos erros”, aplaudiu “os cambios e as melloras substanciais na feira para achegarlle unha nova proposta aos visitantes”. “Aínda que houbo 31 edicións anteriores, esta feira será a edición número 1 dunha nova etapa”, remarcou López.

“Penso que agora estamos no camiño correcto, no que esta fundación ten que ser un organismo útil para o sector, de forma que sexa o medio que permita que o propio sector poida ter un escaparate para presentar as súas propostas”, afirmou o alcalde estradense, antes de engadir que “ábrese un horizonte máis interesante do que poidamos ver nos últimos anos”.

Directora xeral de Comercio

Pola súa parte, a directora xeral de Comercio, Sol María Vázquez Abeal, destacou que “A Estrada, como sitio do moble por excelencia en Galicia, vese que está a coller novos folgos e a readaptarse cara novos mercados”. “O reto era visualizar todo o traballo que está a facer o empresariado do sector da madeira e do moble e non había outro espazo que non fora o recinto feiral desta fundación, que ten que ser un instrumento, non un fin, que sexa capaz de trasladar todo o saber facer e toda a imaxe que está a proxectar o sector”, salientou.

Neste contexto, recoñeceu “o gran esforzo realizado, tanto visualmente como no concepto da feira” e animou aos galegos a visitar o recinto feiral porque “o que vai atopar o visitante é unha feira distinta, que busca chegar non só ao consumidor final senón tamén a aqueles profesionais que poidan ser usuarios do sector do contract”.

Showcookings

Entre as últimas novidades da feira reveladas hoxe na rolda de prensa destaca a celebración de varios showcookings con degustacións gratuítas nos stands de Mucarce, Fervenza Mobiliario e Corral y Couto, nas que participarán cociñeiros como Pepe Solla (Casa Solla de Poio), Diego López (Restaurante La Molinera de Lalín), Jaume García (Velis Nolis Bistró, de A Estrada) e profesionais do restaurante O Camiño (A Estrada).