A segunda xornada da 32ª Feira do Moble de Galicia estivo marcada principalmente pola visita que realizou esta mañá a voceira nacional do BNG, Ana Pontón, acompañada por diversos cargos do seu partido, e pola charla técnica ofrecida polo subdirector xeral de Relacións cos GDRs de Agader, Javier Blanco Carballal, para explicar as axudas Leader.
Nas declaracións realizadas aos medios de comunicación antes de percorrer todo o recinto feiral, Ana Pontón manifestou o apoio do BNG “ao sector do moble da Estrada e a esta feira, que é importante e non só está referenciada na Estrada, senón que ten dimensión galega e pretende ser o escaparate da capacidade e da potencialidade que hai neste ámbito”.
Segundo Pontón, o sector do moble en Galicia “está a realizar un esforzo importante por situarse na onda da modernidade”, polo que aproveitou para reflexionar “sobre as potencialidades perdidas” que ten Galicia en relación co sector do moble e o sector da madeira: “hai moi pouca madeira de calidade producida en Galicia, xa que só o 8% da madeira que se tala no noso país acaba sendo madeira que se utiliza para a transformación e iso fainos perder oportunidades de emprego e valor engadido”.
Neste senso, solicitoulle á Xunta de Galicia “unha aposta polas madeiras de calidade a medio prazo” e propuxo, ademais, “a creación dunha unidade pública de i+D+i para o sector da madeira e do moble que aposte pola investigación en novos materiais, acabados, deseños vangardistas e por mellorar a produtividade do propio sector para posicionar a Galicia na vangarda da produción de mobles de calidade”.
En clave máis local, Ana Pontón amosou a súa “preocupación pola paralización da Cidade do Moble, un proxecto que leva durmindo durante anos nuns caixóns de San Caetano”. Na súa opinión, é preciso crear “solo empresarial a bo prezo, que permita dimensionar estas empresas”, sen esquecer a obriga “de ser coidadosos desde o punto de vista medioambiental”. Finalmente, tamén reclamou a mellora das vías de comunicación na Estrada, en especial a variante da Estrada, para mellorar a conectividade por estrada e a saída natural cara ao porto de Vilagarcía de Arousa.
Axudas do programa Leader
Pola súa parte, o subdirector xeral de Relacións cos GDRs de Agader, Javier Blanco Carballal, ofreceu esta mañá unha charla para explicar as posibilidades que ofrecen as axudas Leader ás empresas asentadas no rural. Ademais de apuntar os requisitos necesarios para acollerse a este programa, Javier Blanco asegurou que “o sector do moble e da segunda transformación da madeira ten no Leader unha moi boa oportunidade para desenvolver os seus proxectos de futuro”.
As actividades desta segunda xornada remataron coa celebración dun showcooking a cargo do cociñeiro Jaume García, de Velis Nolis Bistró (A Estrada), no stand de Fervenza Mobiliario (pavillón 3).