O xerente da Fundación de Exposicións e Congresos da Estrada, Nemesio Rey, cualificou hoxe como “satisfactorio” o balance da 32ª Feira do Moble de Galicia desde a perspectiva da organización e asegura que as cifras de visitantes e as valoracións xerais dalgúns expositores constatan que o certame “aínda ten moito percorrido por diante, para que siga a ser o referente do moble da Estrada en toda Galicia”.
Na rolda de prensa ofrecida este mediodía no recinto feiral, Nemesio Rey considerou que os cambios introducidos este ano -a eliminación dos stands fixos, a redistribución dos espazos, a redución de nove a cinco días e a maior aposta no eido da comunicación e o marketing- foron “positivos”. “Non quero ser triunfalista, pero sabemos que facendo así as cousas e seguindo con esta dinámica, a Feira do Moble pode superar as cifras deste ano, que xa foron realmente boas”, apuntou.
Para iso, apelou ao “traballo conxunto das administracións, a fundación e o sector” para seguir impulsando a feira. Desde a perspectiva da fundación, asumiu o reto de “tentar traer aínda máis mobles que este ano, incluso aumentando algún pavillón o ano que vén”, para responder á demanda manifestada nas enquisas polos visitantes, que desexan contar con máis stands de mobiliario e cunha maior diversidade de oferta e de estilos.
De cara ao futuro, o xerente da fundación anunciou que “en breve” convocará unha reunión co sector do moble, priorizando aos expositores que participaron nesta edición da feira, pero convidando tamén a aqueles que non o fixeron para “escoitar as súas opinións” e tentar convencelos de que asistan o vindeiro ano. “Nós facemos a nosa valoración, pero tamén queremos escoitar o que os expositores viron desde os seus stands, desde dentro da feira, para, entre todos, seguir cambiando e mellorando cousas”, remarcou.
En canto aos posibles cambios, Nemesio Rey apuntou que unha das cuestións que se valorará será a ampliación do horario de peche, pasando das oito da tarde ás nove, así a potenciación dos showcookings e a incorporación “doutras actividades paralelas que chamen realmente a atención”.