Os socios do proxecto “Eramus+ FUTUREfacing”, orientado á transferencia de coñecemento no eido dos acabados e os revestimentos, aproveitarán a 32ª Feira do Moble de Galicia, do 19 ao 23 de setembro, para presentar a evolución desta iniciativa comezada no ano 2017 e avaliar os resultados obtidos ata a data.
“Erasmus+ FUTUREfacing” xurdiu da necesidade de trasladar ás aulas tódolos avances e as innovacións tecnolóxicas que as empresas produtoras de acabados e recubrimentos están a implementar, de forma que se lle facilite a aprendizaxe ao alumnado e se promova unha maior innovación nos produtos finais.
Nesta iniciativa participan como socios as empresas Finsa e Ilva, as escolas de formación profesional Rakvere e DXEFPIE, a asociación británica de acabados BCF e centros tecnolóxicos como CIS-Galicia e CIS-Madeira -sendo este último o impulsor e promotor do proxecto-.
Estes socios estratéxicos consideran necesario este traballo conxunto porque os acabados e os revestimentos constitúen un elemento esencial do deseño e a produción de mobiliario, xa que determinan tanto a estética como características técnicas e prestacións funcionais, ademais de requerir a revisión de condicionantes lexislativos referentes á saúde, a seguridade no traballo e o medio ambiente.
“As últimas innovacións en produtos de acabado e revestimento permiten reducir o impacto ambiental do moble, lograr maior resistencia ao raiado e á abrasión e satisfacer as esixencias estéticas actuais. Ao mesmo tempo, permiten innovar no produto final e acceder a novos mercados presentando mobiliario ou elementos de carpintaría diferenciados”, aseguran.
Ao abeiro deste proxecto, os equipos de traballo están a desenvolver actualmente un manual técnico de acabados e revestimentos, un simulador virtual de vernizado e unha base de datos de produtos. Precisamente, no transcurso da Feira do Moble presentaranse os avances na elaboración do manual e da base de datos de acabados e exporase o simulador de vernizado para que os visitantes poidan avalialo.
Así, o stand de “Erasmus+ FUTUREfacing”, que estará situado no pavillón 5, acollerá o mércores de 11.00 a 14.00 horas, o xoves de 16.00 a 20.00 horas e o venres de 11.00 a 14.00 horas senllas demostracións do simulador virtual de vernizado. Por outra banda, o sábado ás 12.00 horas está prevista a presentación do proxecto a cargo de Ana Alzate, da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, e de Montserrat Rodríguez, de CIS-Madeira.