Logo da interrupción motivada pola pandemia sanitaria, a Feira do Moble de Galicia celébrase na Estrada ata o domingo con numerosas novidades na súa tradicional oferta expositiva. Con máis de medio cento de firmas presentes e a totalidade do espazo ocupado, nos catro pavillóns que conforman a 34ª edición desta cita feiral o visitante atopa unha oferta completa en mobiliario e complementos para o equipamento do fogar. Este ano, destacan propostas coma os electrodomésticos, as enerxías renovables, os sistemas intelixentes de limpeza ou os automatismos, entre outras incorporacións.
No primeiro dos casos, a firma Frigohogar -con tenda propia na Estrada- ofrece unha ampla selección en grande e pequeno electrodoméstico, con ofertas especiais para o certame. Deste xeito, o público ten á súa disposición un amplo abano de produtos nos que figuran por exemplo televisores de última xeración, frigoríficos ou lavadoras, entre outros.
Por outra banda, nesta edición da Feira do Moble de Galicia está a despertar notablemente o interese do público o ámbito dos sistemas renovables para a produción enerxética no fogar, dado o actual clima de incerteza en relación ao gasto en enerxía. É por iso que firmas coma a estradense Instalaciones Terca ou Ecogal achegan ao visitante distintas opcións á hora de apostar por modelos de enerxía máis eficientes e que, ao tempo, permitan un aforro para o consumidor. Cabe sinalar que ademais da propia presentación de diversas solucións en sistemas de enerxía renovables, nestes stands o usuario ten a posibilidade de recibir un asesoramento completo e personalizado con propostas e estimacións concretas para o seu caso.
Así mesmo, quen se achegue á cita feiral por excelencia da Fundación de Exposicións e Congresos da Estrada ten a posibilidade de coñecer tamén innovadores métodos de limpeza intelixente do fogar. Así, a empresa Ritello presenta solucións para loitar contra a contaminación do aire en interior. Deste xeito, é posible respirar aire lavado con auga, libre así de po, xermes e bacterias. Tamén para purificar o ambiente están pensadas as prestacións de Rainbow España, cun equipo especializado na limpeza, hixiene e saúde e cuxas funcións consisten en purificar o aire, aspirar e fregar. A limpeza e a desinfección dende o punto de vista ecolóxico está representado por Orhogar que, mediante o emprego de auga ozonizada evitan o uso de produtos químicos dentro do fogar. Cabe sinalar que, na busca dun estilo de vida máis saudable, Augaplus demostra como o seu sistema somete a auga da rede a un proceso de microfiltración, obtendo así unha auga máis segura.
Con relación ao equipamento do fogar e dado que un maior tempo na casa durante a pandemia puxo de relevo a importancia da súa adecuación ás necesidades reais de cada familia, a Feira do Moble de Galicia conta con presenza tamén de marcas enfocadas a outros ámbitos clave, como é o caso da ferretería ou o bricolaxe. Así Soutelana ofrece solucións en decoración, fontanería, electricidade ou menaxe. Sen esquecerse ademais do coidado do xardín e dos traballos forestais e agrícolas, eidos para os que achega ferramentas de diverso tipo.
Xa no caso dos automatismos, Pauga exhibe unha ampla representación en portas seccionais domésticas, de entrada, de seguridade, peonís e industriais. Cabe sinalar que Pauga é instalador e distribuidor oficial de Hörmann, considerada das marcas líder no seu sector. No recinto, destacan tamén as propostas en sanitarios. Neste caso, Cemascé está especializada en proxectos de calidade e innovación, con materiais de deseño e construción entre os que destacan os porcelánicos.
Por outra banda, un percorrido pola Feira do Moble de Galicia permite coñecer tamén un amplo catálogo en menaxe. Así, baterías de cociña, louza, cristalería ou cuberterías conforman parte da proposta de Los Tres Reyes, que chegan dende Ciudad Real. Ampla é tamén a oferta de Confort Hogar, que incorpora ademais sistemas de descanso confortables entre os que se atopan colchóns, almofadas, somieres, canapés ou sofás.
Finalmente, o coidado do fogar está representado tamén por outros sectores nesta 34ª edición da Feira do Moble. Neste senso, quen busque resolver problemas de humidades pode visitar o posto de Sanysec. O seu equipo é especialista en tratamentos contra a humidade, ofrecendo ademais orzamentos personalizados.
Jacobo Aboal visita o certame
Por outra parte, no día de hoxe a Feira do Moble de Galicia recibiu a visita do director da Axencia Galega da Industria Forestal (XERA), Jacobo Aboal, que se achegou ata A Estrada para coñecer de primeira man o certame.
Sabela Losada recolle o XXVII Premio Xornalístico Manuel Reimóndez Portela
En materia cultural, a Feira do Moble de Galicia foi o marco escollido -como ven sendo habitual- para a entrega do Premio Xornalístico Reimóndez Portela. O galardón, que este ano chegou á súa 27ª edición, recaeu nesta ocasión na autora Sabela Losada. Ao acto asistían o edil Juan Constenla e Juan Andrés Fernández Castro, en representación do comité se seguemento do premio.
Programación do sábado, 17 de setembro
– 11.00 horas: Apertura do recinto feiral
– 12.00-14.00 horas: Apertura parque infantil (Pavillón 6)
– 16.00-20.00 horas: Apertura parque infantil (Pavillón 6)
– 18.00 horas: Actuación do mago Popín Palomero. Actividade cofinanciada pola Excma. Deputación Provincial de Pontevedra
– 20.00 horas: Sorteo de agasallos entre os visitantes (Estancias en casas de Turismo Rural, patrocinadas por Asoc. Cultural Mar de Compostela e Fundación de Exposicións e Congresos da Estrada)
– 20.00 horas: Peche do recinto feiral