A Feira do Moble intensifica a súa promoción para superar os visitantes da pasada edición

31 Agosto, 2018 | wecom | blog

A Fundación de Exposicións e Congresos da Estrada comezou esta semana a intensificar a campaña promocional da 32ª Feira do Moble de Galicia co obxectivo de atraer máis visitantes para superar a cifra de 12.000 persoas rexistrada na edición de 2017, a pesares de durar só cinco días, do 19 ao 23 de setembro.

Nos últimos días comezaron a colocarse 1.000 bandeirolas publicitarias nas catro provincias galegas -con especial presenza en localidades de Pontevedra e A Coruña- e o xerente da fundación, Nemesio Rey, avanzou que a partires da vindeira semana activarase unha campaña publicitaria multicanle con presenza en xornais, radios e redes sociais, que se irá intensificando ata o día de comezo da feira.

“Esta campaña publicitaria reforzará o esforzo promocional que xa se está a realizar desde o gabinete de comunicación e a través das redes sociais, así como desde a nova páxina web, www.feiradomoble.gal, que desde que se presentou en xuño foi visitada por 1.932 usuarios, que entraron 2.792 veces e visualizaron 26.402 páxinas”, apuntou Nemesio Rey. Asemade, adiantou que o vindeiro xoves está prevista a presentación da revista editada en colaboración coa Xunta de Galicia, a Deputación de Pontevedra, o Concello da Estrada e a Asociación Comarcal de Empresarios.

En canto á propia feira, Nemesio Rey salientou tamén que a inauguración terá lugar o mércores 19 de setembro ás 12.30 horas e contará coa presenza do vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda. Segundo remarcou, “as expectativas desta trixésimo segunda edición a priori son boas porque o espazo de exposición está esgotado, temos máis de 60 expositores dos cales unha quincena son da zona, hai maior oferta e maior variedade de mobiliario e percibimos que esta feira está a espertar maior interese que en anteriores ocasións”.

Por último, o xerente da fundación anticipou que as obras de reparación da cuberta do pavillón 3 estarán “perfectamente rematadas” antes do comezo da montaxe dos stands, que está previsto para o día 10 nos pavillóns 3, 4, 5 e 6 e para o día 13 no pavillón 2 (Manuel Coto Ferreiro).