A Feira do Moble de Galicia acada o 90% de ocupación do seu espazo expositivo a un mes do inicio do certame

17 Agosto, 2022 | FECAE | NOVAS

Cando falta aproximadamente un mes para a inauguración da 34ª edición da Feira do Moble de Galicia, que terá lugar entre os días 15 e 18 de setembro, a Fundación de Exposicións e Congresos da Estrada conta xa cun 90% do seu espazo expositivo ocupado. O evento, que tivo que pospoñer as súas citas habituais dos anos 2020 e 2021 por mor da pandemia sanitaria motivada polo coronavirus, retoma así a súa tradicional celebración con practicamente os seus catro pavillóns reservados.  

Nesta nova edición, os visitantes atoparán un certame orientado ao equipamento completo do fogar. Deste xeito, xunto a mobiliario de distintas tendencias, o público poderá percorrer 11.000 metros cadrados de exposición nos que estarán presentes sectores afíns como son a decoración, os complementos domésticos, a instalación de piscinas, os electrodomésticos, os automatismos ou as enerxías renovables, entre outros.

Amplo programa de actividades complementarias

Durante as súas catro xornadas de duración, a Feira do Moble de Galicia abrirá as súas portas dende as 11.00 ás 20.00 horas, tempo no que ademais de visitar a propia exposición os visitantes terán ao seu dispor un programa de actividades complementarias que se darán a coñecer nos próximos días.

Esta agardada cita do escaparate estradense do moble e do fogar chega logo de dous anos de interrupción a raíz da pandemia sanitaria. Neste senso, cabe lembrar que na súa última edición foron moitas as persoas que se achegaron ata o Recinto Feiral da Estrada e que realizaron compras ou contactos directos cos expositores presentes na feira.