Visitantes de distintas zonas de Galicia achéganse á Feira do Moble, que encara a súa recta final con actividades para toda a familia

18 Setembro, 2022 | wecom | blog

A Feira do Moble de Galicia encara a súa recta final tras tres xornadas nas que a cita feiral recibiu xa a visita de público chegado dende distintas zonas de Galicia. Así, xunto aos visitantes estradenses, ao recinto feiral están a chegar espectadores de numerosas localidades coma as veciñas Cuntis, Sillleda ou Lalín pero tamén doutros municipios repartidos por toda a comunidade como é o caso de A Coruña, Ames, Arteixo ou Cangas, entre outros.

Xunto ao mobiliario e o equipamento para o fogar, están a despertar o interese do público outras propostas entre as que destacan os sistemas intelixentes de limpeza e os automatismos ou as prestacións de aforro enerxético, por exemplo. Xunto a elas, sobresaen outros ámbitos como son a decoración, os electrodomésticos, o bricolaxe e as solucións en calefacción e climatización. Cabe sinalar que na xornada do venres, a Feira do Moble recibiu tamén a visita do director xeral de Comercio e Consumo, Manuel Heredia, que percorreu os distintos pavillóns do certame.

Primeiros agasallos entregados

Por outra banda, o certame entregou xa os agasallos dos primeiros sorteos. Así, os premiados cun vale de lavado e limpeza de vehículo foron Dolores Constenla, Sonia Pérez, Concepción Maceira e Manuel Rodríguez. Así mesmo, Mercedes Touriño, Rita Peteiro, Paz Vázquez e José Martínez resultaron gañadores dun vale de combustible mentres Guadalupe Ríos, Jacobo Budiño e Verónica Barros desfrutarán dunha cea.

Na súa terceira xornada, os visitantes aplaudiron tamén a actuación do mago Popín Palomero, que ofreceu un espectáculo cofinanciado pola Deputación Provincial de Pontevedra. O programa cultural continuará mañá coa actuación, prevista para as 18.00 horas, do mago ilusionista Marco. No seu último día de celebración, a Feira do Moble abrirá novamente as súas portas ás 11.00 e poderá visitarse ata as 20.00 horas. Contará tamén con parque infantil e cun novo sorteo de agasallos entre os visitantes (estancias en balneario Termas de Cuntis, patrocinadas por Balneario Termas de Cuntis e Fundación de Exposicións e Congresos da Estrada).