Un veciño de Trazo gaña o sorteo do mobiliario, que debe reclamar en 5 días

23 Setembro, 2019 | wecom | blog

Un veciño do municipio coruñés de Trazo, Ángel Boquete, resultou agraciado no sorteo do mobiliario dun apartamento realizado na tarde de onte tralo peche do recinto na última xornada da 33ª Feira do Moble de Galicia.

Ata o momento a organización do certame non conseguiu contactar co afortunado no teléfono facilitado, polo que xa comezou a contar o prazo de cinco días do que dispón para reclamar o premio. De non reclamalo dentro do prazo previsto nas bases, a Fundación de Exposicións e Congresos volverá realizar un novo sorteo.

Cómpre lembrar que o premio consiste no mobiliario dun apartamento por importe de 2.500 euros, que inclúe un moble de recibidor, un salón, un sofá, un dormitorio principal e un dormitorio secundario. A persoa gañadora debe elixir o seu premio entre as tres opcións proporcionadas por Artest Mobiliario, Muebles García Lorenzo e Muebles Pose Mato – Nattex A Estrada, se ben tamén dispón da opción de cambiar o premio por outros mobles destas tres firmas sempre e cando non superen a contía de 2.500 euros.

A celebración deste sorteo foi a última das actividades da trixésimo terceira edición da Feira do Moble, que, tras unha fin de semana cunha destacada afluencia, conseguiu achegarse ás cifras de asistencia do ano 2018 -preto de 12.000 visitantes- tendo en conta tamén a xornada do mércores, cuxa entrada foi de balde.