Os visitantes da 33ª Feira do Moble optarán ao mobiliario dun apartamento por valor de 2.500 €

31 Agosto, 2019 | wecom | blog

O sorteo do mobiliario dun apartamento por valor de 2.500 € é unha das principais accións promocionais ideadas pola Fundación de Exposicións e Congresos da Estrada para tratar de atraer un maior número de visitantes á 33ª Feira do Moble de Galicia, co obxectivo de superar o rexistro de case 12.000 visitantes da última edición.

A organización do certame vén de facer públicas as bases deste sorteo patrocinado pola Asociación de Fabricantes e Comerciantes da Estrada (AFCME), no que poderán participar tódolos visitantes maiores de 12 anos que desde o xoves 19 ata o domingo 22 de setembro paguen a entrada de 1 euro -o mércores 18 o acceso ao recinto é de balde- e a depositen na urna correspondente situada no interior do recinto.

O sorteo realizarase o domingo 22 ás 20.00 horas e a persoa afortunada poderá elixir entre as propostas de mobiliario presentadas por tres firmas afiliadas á AFCME: Muebles García Lorenzo, Artest Mobiliario e Muebles Pose Mato – Nattex A Estrada. Cadansúa proposta consta do mobiliario dun recibidor, os mobles dun salón, un sofá, un dormitorio principal e un dormitorio secundario. As bases do sorteo tamén recollen

que no suposto caso de que a persoa agraciada desexe substituír estas propostas por calquera outra peza destas tres firmas colaboradoras tamén poderá facelo, sempre e cando non supere o importe de 2.500 euros.

Outros sorteos

Este sorteo do mobiliario dun apartamento non é o único que se celebrará durante a feira, senón que as entradas tamén permitirán entrar no sorteo de tres estancias en casas de turismo rural, en colaboración coa Asociación Mar de Compostela; seis vales de compra aportados pola Asociación de Comerciantes da Estrada para mercar no comercio local e tres ceas no Restaurante O Asador de Leo.

Campaña promocional

Por outra banda, a Fundación de Exposicións e Congresos da Estrada está a últimar tódolos detalles preparativos da feira. Así, esta semana comezaron a executarse traballos de mantemento no pavillón 5 -pintado exterior e modernización da iluminación interior-, que contan coa financiación da Xunta de Galicia. Ademais, a partires deste vindeiro luns intensificaranse as accións promocional do certame cunha campaña multicanle: instalaranse 1.000 bandeirolas publicitarias en toda Galicia, lanzarase unha campaña publicitaria e de entrevistas en Radio Estrada e reforzarase a presenza nas redes sociais.