O vicepresidente da Xunta preside mañá na Estrada a inauguración da 32ª Feira do Moble de Galicia

18 Setembro, 2018 | FECAE | NOVAS

O vicepresidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, presidirá mañá ás 12.30 horas no recinto feiral da Estrada o acto de inauguración da 32ª Feira do Moble de Galicia, que reunirá ata o vindeiro domingo a 65 expositores procedentes de diferentes puntos de Galicia, Asturias, País Vasco, Madrid, Castilla-La Mancha, Comunitat Valenciana e Portugal. Tamén intervirán no acto inaugural o alcalde da Estrada, José López Campos, a deputada provincial Digna Rivas e o xerente da Fundación de Exposicións e Congresos, Nemesio Rey Pazos.

Nesta trixésimo segunda edición, o recinto feiral da Estrada, que conta cunha superficie global de 26.000 metros cadrados, conseguiu completar o 100% do espazo expositivo, polo que, segundo Nemesio Rey, “volve ser o maior escaparate de mobiliario, interiorismo e decoración de toda Galicia e os visitantes poderán atopar todo o necesario para amoblar o seu fogar ou o seu negocio”.

De feito, entre os stands da feira figuran firmas que desenvolven a súa actividade nunha ducia de áreas: moble contemporáneo, clásico, de vangarda, infantil, de cociña, de oficina, descanso, sanitarios, iluminación, interiorismo, contract e agasallos e complementos. Ademais, unha das novidades desta feira é a inclusión dun Espazo Contract no que estarán presentes varias empresas locais que operan neste mercado -algunhas das cales están a amoblar hoteis de luxo en diferentes países, establecementos de cadeas comerciais ou as embaixadas de Arabia Saudí en Camerún e Níxer, entre outros traballos-.

Entradas a 1 euro

Desde mañá ata o domingo 23, o recinto feiral permanecerá aberto ininterrompidamente desde as 11.00 ata as 20.00 horas e as entradas terán un prezo simbólico de 1 euro, sendo válida a mesma entrada para acceder á feira tódolos días.