O Delegado Territorial da Xunta de Galicia en Pontevedra, Luís López Diéguez, inaugurará o xoves na Estrada a 34ª Feira do Moble de Galicia

11 Setembro, 2022 | wecom | blog

O Delegado Territorial da Xunta de Galicia en Pontevedra, Luís López Diéguez será o encargado de inaugurar o xoves, día quince, na Estrada a 34ª Feira do Moble de Galicia.

Previamente o vindeiro martes, día trece, terá lugar a presentación do certame aos medios de comunicación. Neste acto estarán presentes o alcalde da Estrada, José López Campos, oxefe territorial de Medio Rural en Pontevedra Antonio Crespo Iglesias, o deputado da Deputación de Pontevedra, Manuel González Martínez, Miguel Ángel García Miguens, Vogal da Cámara de Comercio de Pontevedra, Vigo e Vilagarcía de Arousa
e César Barbosa Cardoso, representante da Asociación de Fabricantes e Comerciantes do Moble da Estrada que mostran así o respaldo das diversas institucións que compoñen o padroado ao certame sectorial da madeira, do moble e do fogar.

No acto, detallarase a programación completa da Feira do Moble, que se celebra na Estrada do 15 ao 18 de setembro e que conta xa co cen por cen do seu espazo expositivo ocupado. Cabe sinalar que nesta 34ª edición do certame participarán firmas autonómicas, nacionais e internacionais que mostrarán ao público distintas tendencias en mobiliario, decoración e equipamento para o fogar e que chegan de lugares coma Asturias, Madrid, Toledo, Sevilla, Valladolid, Alicante, Bizkaia ou Portugal, entre outros.

Revista oficial do certame

No acto de presentación darase a coñecer a revista oficial coa que se vai promocionar o certame, entre os distintos públicos e na que se detalla a relación completa das firmas expositoras así coma as actividades complementarias do evento feiral. A revista foi impresa na Deputación de Pontevedra e distribuirase nun medio de comunicación a modo de encarte para promocionar o certame.

Radio en directo

O día 15 de setembro -coincidindo coa inauguración do certame-achegarase ao recinto feiral un equipo da Radio Galega para a emisión en directo do coñecido programa “Galicia por Diante”.

Finalmente, cab lembrar que o público terá a oportunidade de percorrer os distintos pavillóns da Feira do Moble entre o xoves e o domingo, en horario ininterrumpido dende as 11.00 ás 20.00 horas.