O 58 por cento dos visitantes da Feira do Moble realizaron compras ou estableceron contactos

22 Setembro, 2019 | wecom | blog

A Fundación de Exposicións e Congresos da Estrada, como entidade organizadora da Feira do Moble de Galicia, fixo públicos hoxe os resultados da enquisa realizada nos últimos días a 325 visitantes, na que destaca o feito de que o 58% das persoas enquisadas (193 mulleres e 132 homes) afirmou ter realizado compras na feira ou ter establecido contactos para concretar compras no futuro.

Respecto aos ámbitos de interese, a meirande parte dos enquisados (73%) asegurou que visitaba o certame atraído polos expositores de mobiliario, mentres que o 11% buscaba complementos, o 10% antigüidades e o 6% restante, outros subsectores.

En canto á procedencia dos enquisados, a provincia de Pontevedra é a que máis visitantes aporta á Feira do Moble cun 70%, dos cales o 26% corresponden ao municipio estradense e o 44% restante aos concellos do resto da provincia. Por detrás, séguelle no ranking A Coruña cun 23%, Lugo cun 2% e Ourense cun 1%. O 2% restante corresponde a visitantes de fóra de Galicia.

As estatísticas da enquisa indican tamén que o 51% dos visitantes acudiron á Feira do Moble por primeira vez e que o 50% dá por seguro que voltará en vindeiras edicións, mentres que o 35% non descarta esa posibilidade.

Preguntados sobre o coñecemento da celebración desta Feira do Moble, o 20% asegurou terse informado a través dos xornais, o 18% a través da radio, o 17% mediante as bandeirolas publicitarias, o 15% por internet, o 6% pola televisión e o 24% restante por outros medios.

Valoración positiva

En xeral, a opinión dos enquisados respecto a esta 33ª Feira do Moble de Galicia é positiva, xa que o 77% concédelle máis dun aprobado, sendo o 51% os que lle outorgan como mínimo un notable. Ademais, o 62% valora satisfactoriamente a cantidade de empresas expositoras e o 77% considérase satisfeito coa calidade das mesmas.

Repercusión económica na contorna

En canto á repercusión da Feira do Moble de Galicia na economía da contorna, a enquisa revela que dos visitantes procedentes de fóra do municipio estradense o 12% pernoctou na Estrada, o 35% acudíu a algún restaurante local, o 35% mercou en comercios locais, o 12% aproveitou a ocasión para realizar algunha visita turística e o 52% realizou algún gasto en gasolineiras, bares ou cafetarías.