O proxecto “Erasmus+ FUTUREfacing”, sobre acabados e revestimentos, presentarase na feira

by wecom |Set 15, 2018 | 0 Comments | blog

Os socios do proxecto “Eramus+ FUTUREfacing”, orientado á transferencia de coñecemento no eido dos acabados e os revestimentos, aproveitarán a 32ª Feira do Moble de Galicia, do 19 ao 23 de setembro, para presentar a evolución desta iniciativa comezada no ano 2017 e avaliar os resultados obtidos ata a data.

“Erasmus+ FUTUREfacing” xurdiu da necesidade de trasladar ás aulas tódolos avances e as innovacións tecnolóxicas que as empresas produtoras de acabados e recubrimentos están a implementar, de forma que se lle facilite a aprendizaxe ao alumnado e se promova unha maior innovación nos produtos finais.

Nesta iniciativa participan como socios as empresas Finsa e Ilva, as escolas de formación profesional Rakvere e DXEFPIE, a asociación británica de acabados BCF e centros tecnolóxicos como CIS-Galicia e CIS-Madeira -sendo este último o impulsor e promotor do proxecto-.

Estes socios estratéxicos consideran necesario este traballo conxunto porque os acabados e os revestimentos constitúen un elemento esencial do deseño e a produción de mobiliario, xa que determinan tanto a estética como características técnicas e prestacións funcionais, ademais de requerir a revisión de condicionantes lexislativos referentes á saúde, a seguridade no traballo e o medio ambiente.

“As últimas innovacións en produtos de acabado e revestimento permiten reducir o impacto ambiental do moble, lograr maior resistencia ao raiado e á abrasión e satisfacer as esixencias estéticas actuais. Ao mesmo tempo, permiten innovar no produto final e acceder a novos mercados presentando mobiliario ou elementos de carpintaría diferenciados”, aseguran.

Ao abeiro deste proxecto, os equipos de traballo están a desenvolver actualmente un manual técnico de acabados e revestimentos, un simulador virtual de vernizado e unha base de datos de produtos. Precisamente, no transcurso da Feira do Moble presentaranse os avances na elaboración do manual e da base de datos de acabados e exporase o simulador de vernizado para que os visitantes poidan avalialo.

Así, o stand de “Erasmus+ FUTUREfacing”, que estará situado no pavillón 5, acollerá o mércores de 11.00 a 14.00 horas, o xoves de 16.00 a 20.00 horas e o venres de 11.00 a 14.00 horas senllas demostracións do simulador virtual de vernizado. Por outra banda, o sábado ás 12.00 horas está prevista a presentación do proxecto a cargo de Ana Alzate, da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, e de Montserrat Rodríguez, de CIS-Madeira.

Un total de 65 expositores de seis comunidades e de Portugal participarán na 32ª Feira do Moble de Galicia

by wecom |Set 14, 2018 | 0 Comments | blog | ,

O recinto da Fundación de Exposicións e Congresos da Estrada acolleu esta mañá a presentación da trixésimo segunda edición da Feira do Moble de Galicia, que reunirá do 19 ao 23 de setembro a un total de 65 firmas de mobiliario, interiorismo e decoración procedentes de diferentes puntos de Galicia, Madrid, País Vasco, Asturias, Castilla-La Mancha, Comunitat Valenciana e tamén de Portugal.

Nunha rolda de prensa ofrecida no interior do pavillón número 3, que será o que acolla á meirande parte das 15 empresas da Estrada e da contorna que asistirán á feira, o xerente da fundación, Nemesio Rey, destacou que “os visitantes, sexan familias ou profesionais de áreas como a arquitectura, a decoración ou o interiorismo, poderán atopar todo o que precisan para amoblar e equipar o seu fogar ou o seu negocio, xa que as empresas que traballan no mercado do contract tamén terán o seu protagonismo”.

Nesta liña incidiu tamén o alcalde da Estrada e vicepresidente do padroado da fundación, José López, que quixo poñer en valor que “o sector do moble e da madeira na Estrada está no seu mellor momento histórico”: “as grandes fábricas de produción da Estrada están en máximos históricos de facturación e teñen capacidade para amoblar desde o barco de cruceiros máis luxoso ata os mellores hoteis do mundo”. Por iso, avogou por “fuxir de vitimismos” e, se ben considerou que “é necesaria a autocrítica e a reflexión para aprender dos erros”, aplaudiu “os cambios e as melloras substanciais na feira para achegarlle unha nova proposta aos visitantes”. “Aínda que houbo 31 edicións anteriores, esta feira será a edición número 1 dunha nova etapa”, remarcou López.

“Penso que agora estamos no camiño correcto, no que esta fundación ten que ser un organismo útil para o sector, de forma que sexa o medio que permita que o propio sector poida ter un escaparate para presentar as súas propostas”, afirmou o alcalde estradense, antes de engadir que “ábrese un horizonte máis interesante do que poidamos ver nos últimos anos”.

Directora xeral de Comercio

Pola súa parte, a directora xeral de Comercio, Sol María Vázquez Abeal, destacou que “A Estrada, como sitio do moble por excelencia en Galicia, vese que está a coller novos folgos e a readaptarse cara novos mercados”. “O reto era visualizar todo o traballo que está a facer o empresariado do sector da madeira e do moble e non había outro espazo que non fora o recinto feiral desta fundación, que ten que ser un instrumento, non un fin, que sexa capaz de trasladar todo o saber facer e toda a imaxe que está a proxectar o sector”, salientou.

Neste contexto, recoñeceu “o gran esforzo realizado, tanto visualmente como no concepto da feira” e animou aos galegos a visitar o recinto feiral porque “o que vai atopar o visitante é unha feira distinta, que busca chegar non só ao consumidor final senón tamén a aqueles profesionais que poidan ser usuarios do sector do contract”.

Showcookings

Entre as últimas novidades da feira reveladas hoxe na rolda de prensa destaca a celebración de varios showcookings con degustacións gratuítas nos stands de Mucarce, Fervenza Mobiliario e Corral y Couto, nas que participarán cociñeiros como Pepe Solla (Casa Solla de Poio), Diego López (Restaurante La Molinera de Lalín), Jaume García (Velis Nolis Bistró, de A Estrada) e profesionais do restaurante O Camiño (A Estrada).

 

Fernando Redondo gaña o XXIII Premio Manuel Reimóndez Portela cun artigo sobre o cine galego

by wecom |Set 12, 2018 | 0 Comments | blog | ,

O xurado do Premio Xornalístico Manuel Reimóndez Portela acordou na reunión celebrada esta tarde na sede da Fundación de Exposicións e Congresos da Estrada outorgar o galardón desta vixésimo terceira edición a Fernando Redondo Neira polo artigo “Derivas e encrucilladas do novo cinema galego”, publicado na revista Tempos Novos.

O xurado, que agradeceu a presentación dunha vintena de traballos e destacou a calidade dos mesmos, valorou do artigo gañador “a impecable redacción e plantexamento, sendo preciso e concreto, ben informado e moi documentado”. Nesta ocasión, a deliberación correu a cargo do concelleiro de Cultura da Estrada, Juan Constenla, como presidente do xurado, Victoria Reimóndez Sanmartín, Evaristo Mato Oliveira, Enrique Otero Fernández e Juan Andrés Fernández Castro, exercendo como secretario con voz pero sen voto José Manuel Bouzas Blanco.

O premio, que está dotado con 1.000 euros, unha talla conmemorativa e un diploma acreditativo, entregarase no transcurso da 32ª Feira do Moble de Galicia, concretamente o venres 21 de setembro ás 19.00 horas. O acto, que presidirá o alcalde da Estrada, José López, e que contará coa presenza de persoeiros do ámbito cultural de Galicia, estará precedido dunha ofrenda floral a cargo do Coro Parroquial de San Miguel de Castro e será presentado pola profesora de Literatura Galega na Universidade de Santiago de Compostela e coordinadora do Diccionario de Literatura Galega publicado pola Editorial Galaxia, Dolores Vilavedra Fernández.

A Feira do Moble lanza 4.500 exemplares dunha revista para promocionar aos 65 expositores

by wecom |Set 6, 2018 | 0 Comments | blog | , ,

A Fundación de Exposicións e Congresos da Estrada, entidade organizadora da 32ª Feira do Moble de Galicia, presentou hoxe unha revista promocional sobre o certame e os 65 expositores que asistirán, da que se distribuirán 4.500 exemplares nas vindeiras semanas co obxectivo de atraer a milleiros de visitantes ata o recinto feiral da Estrada entre o 19 e o 23 de setembro.

Xunto co xerente da fundación, Nemesio Rey, na rolda de prensa ofrecida esta mañá no salón de actos participaron o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, e o presidente da Asociación Comarcal de Empresarios, Fernando Martínez.

Cando faltan exactamente 12 días para que se inaugure a feira -o mércores 19, ás 12.30 horas-, Nemesio Rey agradeceu a implicación de tódolas persoas, entidades e institucións que posibilitaron a edición desta revista, entre os que citou á Xunta de Galicia, a Deputación de Pontevedra, o Concello da Estrada e o GDR Terras de Pontevedra Norte.

En relación cos preparativos da feira, o xerente lembrou os tres cambios substanciais introducidos este ano co ánimo de relanzala: en primeiro lugar, a redución da duración da feira, pasando de nove a cinco días, e a redistribución do espazo de exposición, a través da retirada dos clásicos stands fixos e da ubicación da meirande parte das empresas da Estrada no pavillón 3, que será o da entrada na feira; en segundo lugar, a limitación de expositores de sectores complementarios e “de recheo” e unha maior aposta polos expositores de mobiliario, interiorismo e decoración -confirmou que asistirán 65 expositores en total, dos cales 15 son da contorna da Estrada-; e en terceiro lugar, un reforzo do investimento en publicidade e comunicación para tratar de captar novo público, a través de ferramentas como a revista presentada hoxe.

Valentín García

Pola súa parte, Valentín García, destacou “a relevancia da Feira do Moble para a potenciación da zona da Estrada” e remarcou a implicación de distintos departamentos da Xunta de Galicia para posibilitar a súa edición, entre os que citou á Consellería de Economía, Emprego e Industria, a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria e a Consellería do Medio Rural (a través de Agader), ademais da propia Secretaría Xeral de Política Lingüística.

O secretario xeral aplaudiu que a comunicación da Fundación de Exposicións e Congresos da Estrada se realice en galego tanto na páxina web www.feiradomoble.gal como nesta revista porque considera preciso “entender a aposta pola lingua galega como sinal da denominación de orixe e da autenticidade do moble galego”.

Mensaxe para os expositores

En canto ao presidente da ACE, Fernando Martínez aproveitou a súa intervención para recoñecer que “a introdución de cambios importantes na feira” e para manifestar a súa esperanza “en que dean bo resultado”: “agora o máis importante van ser os expositores e por iso lles pido que veñan exhibir materiais e mobles bos e novos; é certo que nos últimos anos había a tendencia de repetir deseños e estábase a perder valor, pero penso que nesta edición vai haber grandes sorpresas e vaise marcar o inicio dunha nova etapa da feira”.

 

A Feira do Moble intensifica a súa promoción para superar os visitantes da pasada edición

by wecom |Ago 31, 2018 | 0 Comments | blog | ,

A Fundación de Exposicións e Congresos da Estrada comezou esta semana a intensificar a campaña promocional da 32ª Feira do Moble de Galicia co obxectivo de atraer máis visitantes para superar a cifra de 12.000 persoas rexistrada na edición de 2017, a pesares de durar só cinco días, do 19 ao 23 de setembro.

Nos últimos días comezaron a colocarse 1.000 bandeirolas publicitarias nas catro provincias galegas -con especial presenza en localidades de Pontevedra e A Coruña- e o xerente da fundación, Nemesio Rey, avanzou que a partires da vindeira semana activarase unha campaña publicitaria multicanle con presenza en xornais, radios e redes sociais, que se irá intensificando ata o día de comezo da feira.

“Esta campaña publicitaria reforzará o esforzo promocional que xa se está a realizar desde o gabinete de comunicación e a través das redes sociais, así como desde a nova páxina web, www.feiradomoble.gal, que desde que se presentou en xuño foi visitada por 1.932 usuarios, que entraron 2.792 veces e visualizaron 26.402 páxinas”, apuntou Nemesio Rey. Asemade, adiantou que o vindeiro xoves está prevista a presentación da revista editada en colaboración coa Xunta de Galicia, a Deputación de Pontevedra, o Concello da Estrada e a Asociación Comarcal de Empresarios.

En canto á propia feira, Nemesio Rey salientou tamén que a inauguración terá lugar o mércores 19 de setembro ás 12.30 horas e contará coa presenza do vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda. Segundo remarcou, “as expectativas desta trixésimo segunda edición a priori son boas porque o espazo de exposición está esgotado, temos máis de 60 expositores dos cales unha quincena son da zona, hai maior oferta e maior variedade de mobiliario e percibimos que esta feira está a espertar maior interese que en anteriores ocasións”.

Por último, o xerente da fundación anticipou que as obras de reparación da cuberta do pavillón 3 estarán “perfectamente rematadas” antes do comezo da montaxe dos stands, que está previsto para o día 10 nos pavillóns 3, 4, 5 e 6 e para o día 13 no pavillón 2 (Manuel Coto Ferreiro).

A 32ª Feira do Moble promocionarase a través dunha revista cunha tirada de 4.500 exemplares

by wecom |Ago 14, 2018 | 0 Comments | blog | ,

A Fundación de Exposicións e Congresos da Estrada anuncia para comezos de setembro o lanzamento dunha publicación específica sobre a 32ª Feira do Moble de Galicia, da que se editarán 4.500 exemplares e que servirá para promocionar o certame en toda a comunidade.

Segundo explicou o xerente da fundación, Nemesio Rey, trátase dunha “revista de 32 páxinas, que forma parte do plan de comunicación e publicidade que se desenvolverá este ano, que será máis ambicioso que en edicións anteriores para tentar atraer un maior número de visitantes ao recinto feiral”. Así, avanzou que a campaña publicitaria abarcará tanto soportes impresos, como radiofónicos e tamén as redes sociais: “conseguimos incrementar o número de expositores, que xa supera os 60, e agora imos esforzarnos en captar máis público de toda Galicia para que o investimento que realizan para acudir á feira lles resulte rendible”.

Nemesio Rey agradece a implicación da Deputación de Pontevedra na edición desta revista -o organismo provincial asume a impresión de boa parte da tirada- e tamén dos demais anunciantes institucionais, entre os que figuran a Xunta de Galicia, a Asociación Comarcal de Empresarios (ACE), o GDR Terras de Pontevedra Norte e o propio Concello da Estrada. Precisamente, o xerente da fundación avanzou que a Concellería de Turismo estradense vén de sumarse á relación de expositores e participará na feira cun stand propio, do mesmo xeito que a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria contará tamén cun stand propio centrado na oferta de Formación Profesional.

O xerente da Fundación de Exposicións e Congresos destaca que a presenza de empresas da contorna será “substancialmente superior” á de edicións pasadas, xa que participarán arredor dunha quincena de firmas de diferentes sectores: Artesanía Ferradáns, Artest, Carpintería Rivas, Corral y Couto, Disaldro, Fervenza Mobiliario, Industrias J. Cerviño, Irmáns Picaño, Lani Estrada, Mucarce, Muebles Pose Mato – Nattex A Estrada, Osso Ebanistería Creativa, Reale Seguros A Estrada e Suyma+ Plus Madera.

A Fundación de Exposicións e Congresos pon a punto os pavillóns para a 32ª Feira do Moble

by wecom |Ago 2, 2018 | 0 Comments | blog

A Fundación de Exposicións e Congresos da Estrada está a aproveitar as condicións climatolóxicas favorables destes primeiros días de agosto para avanzar na posta a punto dos pavillóns do recinto feiral coa finalidade de que estean en perfecto estado para a celebración da 32ª Feira do Moble de Galicia, do 19 ao 23 de setembro.

No pavillón 4 xa remataron os traballos de acondicionamento e pintado do interior e no pavillón 3 a empresa Cubiertas Payno está a acometer estes días o proxecto de arranxo de parte da cuberta, que supón un investimento cercano aos 29.000 euros.

O xerente da Fundación de Exposicións e Congresos, Nemesio Rey, confirmou hoxe que “cando faltan aínda 47 días para o comezo da feira, xa se alcanzaron as 60 firmas participantes e xa só queda dispoñible o 5% do total da superficie ofertada”.

Nemesio Rey destacou que, ademais das empresas estradenses e das procedentes doutros puntos de Galicia, a trixésimo segunda edición da Feira do Moble de Galicia tamén contará con firmas procedentes de Alicante, Madrid, Leganés, Toledo, Asturias, País Vasco e Portugal.

 

A Feira do Moble duplica a presenza local do sector e alcanza xa o medio cento de expositores

by wecom |Xul 21, 2018 | 0 Comments | blog | , , , , ,

A Fundación de Exposicións e Congresos da Estrada informa que as reservas de superficie para participar como expositor na trixésimo segunda edición da Feira do Moble de Galicia, que se celebrará do 19 ao 23 de setembro, avanzan “a moi bo ritmo”, xa que nesta semana alcanzouse o medio cento de firmas confirmadas.

O xerente da fundación, Nemesio Rey, destaca que entre as 50 empresas figuran 13 firmas da Estrada e da contorna pertencentes aos sectores do mobiliario, o interiorismo e a decoración, o que supón que, “en comparación coa edición de 2017, nesta Feira do Moble duplicarase a presenza de empresas locais deses sectores”. Entre eses expositores da zona atópanse Suyma Plus Madera, Muebles Pose Mato, Lani Estrada, Corral y Couto, Mucarce, Fervenza Mobiliario, Artest, Carpintería Rivas, Osso, Artesanía Ferradáns, Gilcolor, Industrias J. Cerviño e Irmáns Picaño.

Segundo Nemesio Rey, “o sector está a percibir que estamos a incorporar cambios na organización e na promoción para tentar que a feira sexa máis rendible para os expositores e, ao mesmo tempo, máis atractiva para os visitantes”. Neste senso, adianta que ademais da elaboración dunha publicación promocional que sairá á rúa a comezos de setembro cunha tirada de máis de 4.000 exemplares, a fundación tamén comezou a traballar na preparación dunha campaña específica para as redes sociais. Empregando o hastag #EsteanoEuvou, a campaña publicitaria contará coa participación desinteresada de estradenses moi coñecidos e con gran visibilidade mediática nas súas respectivas áreas de actividade, como o humorista Isi, o triatleta Cristóbal Dios, o actor Xoque Carbajal, a polifacética humorista Saly Torres e o ciclista Álex Marque, entre outros.

“Estámoslle moi agradecidos a todos eles por brindarse a colaborar nesta campaña de forma totalmente altruista e pensamos que coa súa axuda imos reforzar a repercusión da feira para facerlle ver aos potenciais visitantes que este ano paga a pena pasar polo recinto feiral da Estrada do 19 ao 23 de setembro porque vai haber máis expositores, moita máis oferta e variedade de mobiliario e tamén incluso máis actividades adicionais”, explicou o xerente da fundación.

Cómpre lembrar que o prezo das entradas será dun euro e que cunha soa entrada poderá accederse ao recinto feiral durante os cinco días da feira. Ademais, os visitantes participarán en diferentes sorteos que está a ultimar a organización.

Adxudicado a Cubiertas Payno o arranxo de parte da cuberta do pavillón 3

by wecom |Xul 4, 2018 | 0 Comments | blog

O Comité Executivo da Fundación de Exposicións e Congresos da Estrada acordou nunha reunión celebrada esta mañá adxudicar á empresa Cubiertas Payno as obras de arranxo de parte da cuberta do pavillón 3 por un importe de 28.525,75 euros (IVE incluído).

Esta actuación, que disporá dun prazo de execución dun mes, pretende subsanar os danos que ocasionara un temporal no sector norte do pavillón 3, ao igual que xa se fixera na parte sur desa cuberta. Concretamente, os traballos consistirán na substitución da chapa existente por un panel sandwich axeitado, ademais da instalación de canalóns e baixantes.

O pavillón 3 é precisamente o que acollerá o acceso principal á Feira do Moble de Galicia e no que se ubicarán a práctica totalidade dos expositores locais, entre os que xa figuran Corral y Couto, Mucarce, Carpintería Rivas, Fervenza Mobiliario, Suyma Plus Madera, Artest Mobiliario, Lani Estrada e Gilcolor.

Na reunión do Comité Executivo estiveron presentes o alcalde da Estrada, José López; a deputada provincial Consuelo Besada; a representante da Cámara de Comercio de Vigo, Pontevedra e Vilagarcía, Lucía Pedroso; o presidente da Asociación Comarcal de Empresarios, Fernando Martínez; o xerente da fundación; Nemesio Rey; a tesoureira, Mercedes Cuiña; e o secretario, Jorge Andión.

Nemesio Rey augura que a XXXII Feira do Moble preséntase como “a mellor dos últimos anos”

by wecom |Xul 3, 2018 | 0 Comments | blog | ,

O xerente da Fundación de Exposicións e Congresos da Estrada, Nemesio Rey Pazos, aproveitou hoxe a presentación da renovada páxina web desta entidade, feiradomoble.gal, para informar dos avances na organización da trixésimo segunda Feira do Moble de Galicia, que terá lugar do 19 ao 23 de setembro e que, na súa opinión, “preséntase, a priori, como a mellor dos últimos anos”.

Nemesio Rey, que compareceu en rolda de prensa acompañado polo concelleiro de Industria da Estrada, Óscar Durán, confirmou que a día de hoxe xa confirmaron a súa presenza na feira unha trintena de expositores, entre os que destacou a participación de firmas locais como Mucarce, Corral y Couto, Fervenza Mobiliario, Carpintería Rivas, Artest, Lani Estrada, SuymaPlus Madera ou Artesanía Ferradáns.

“Para a fundación é moi importante contar coa implicación do sector local do moble e da madeira, porque sen eles posiblemente esta feira non tería sentido na Estrada; e por iso queremos animar a algunhas firmas que aínda están dubitativas a que dean un paso ao frente porque, entre todos, conseguiremos que a feira sexa moito mellor”, asegurou o xerente da fundación.

Cando faltan 77 días para a inauguración do certame, Nemesio Rey remarcou entre as novidades desta trixésimo segunda edición a inclusión dunha Zona Contract “orientada a empresas cuxa canle de distribución non é tanto o público familiar, senón os negocios, as empresas e as institucións ou prescriptores que traballan para elas, como arquitectos, deseñadores e interioristas”. Ademais, referiuse á redistribución dos expositores en novas ubicacións, “congregando á práctica totalidade dos expositores da Estrada no pavillón 3”, e apuntou tamén a substitución das xornadas técnicas, “que apenas estaban a xerar interese nos últimos anos”, por actividades indirectamente vinculadas ao mobiliario de cociña, como showcookings, etc.

Por último, salientou a “forte aposta” que realizará a fundación nos ámbitos da comunicación e a publicidade, xa que considéraas “vitais para conseguir que a feira sexa rendible para os expositores e atractiva para os visitantes”. Neste senso, indicou que ademais de planificar unha campaña específica para as redes sociais na que se implicarán persoeiros coñecidos da Estrada, tamén está prevista a distribución de alomenos 2.000 exemplares dunha publicación promocional da feira que se editará grazas á colaboración da Deputación Provincial de Pontevedra.