+34 986 57 34 06
fecae@expoestrada.com
O Delegado Territorial da Xunta de Galicia en Pontevedra, Luís López Diéguez será o encargado de inaugurar o xoves, día quince, na Estrada a 34ª Feira do Moble de Galicia.
Previamente o vindeiro martes, día trece, terá lugar a presentación do certame aos medios de comunicación. Neste acto estarán presentes o alcalde da Estrada, José López Campos, oxefe territorial de Medio Rural en Pontevedra Antonio Crespo Iglesias, o deputado da Deputación de Pontevedra, Manuel González Martínez, Miguel Ángel García Miguens, Vogal da Cámara de Comercio de Pontevedra, Vigo e Vilagarcía de Arousa
e César Barbosa Cardoso, representante da Asociación de Fabricantes e Comerciantes do Moble da Estrada que mostran así o respaldo das diversas institucións que compoñen o padroado ao certame sectorial da madeira, do moble e do fogar.
No acto, detallarase a programación completa da Feira do Moble, que se celebra na Estrada do 15 ao 18 de setembro e que conta xa co cen por cen do seu espazo expositivo ocupado. Cabe sinalar que nesta 34ª edición do certame participarán firmas autonómicas, nacionais e internacionais que mostrarán ao público distintas tendencias en mobiliario, decoración e equipamento para o fogar e que chegan de lugares coma Asturias, Madrid, Toledo, Sevilla, Valladolid, Alicante, Bizkaia ou Portugal, entre outros.
Revista oficial do certame
No acto de presentación darase a coñecer a revista oficial coa que se vai promocionar o certame, entre os distintos públicos e na que se detalla a relación completa das firmas expositoras así coma as actividades complementarias do evento feiral. A revista foi impresa na Deputación de Pontevedra e distribuirase nun medio de comunicación a modo de encarte para promocionar o certame.
Radio en directo
O día 15 de setembro -coincidindo coa inauguración do certame-achegarase ao recinto feiral un equipo da Radio Galega para a emisión en directo do coñecido programa “Galicia por Diante”.
Finalmente, cab lembrar que o público terá a oportunidade de percorrer os distintos pavillóns da Feira do Moble entre o xoves e o domingo, en horario ininterrumpido dende as 11.00 ás 20.00 horas.
KEEP READINGFaltan pouco máis de quince días para que A Estrada reciba a trixésimo cuarta Feira do Moble de Galicia. Esta nova edición vén de alcanzar o 100% da ocupación do seu espazo expositivo, no que firmas autonómicas, nacionais e internacionais mostrarán todas as novidades do sector do fogar durante os catro días de duración do certame.
Os usuarios interesados en coñecer o mercado actual de mobiliario doméstico e decoración teñen unha cita ineludible do 15 ao 18 de setembro, de 11.00 a 20.00 horas, no Recinto Feiral A Estrada. A maioría dos expositores pertencen á comunidade galega, tamén poderán coñecer e deixarse aconsellar por firmas procedentes de Biscaia, Ciudad Real, Córdoba, Madrid, Toledo, Sevilla, Valladolid ou Portugal.
Por outra banda, o Comité Executivo da Fundación de Exposicións e Congresos da Estrada reuniuse para tratar diferentes temas. Ao encontro asistiron o alcalde da Estrada, José López Campos; o delegado territorial da Xunta de Galicia en Pontevedra e o representante da ACE , José Luís Carracedo.
Na reunión presentouse a proposta publicitaria para a Feira do Moble, así como os orzamentos da entidade para o ano 2023.
Malia que haberá que agardar ata o vindeiro xoves 15 de setembro para coñecer en vivo e directo as novas en materia de decoración, mobiliario, electrodomésticos, complementos do fogar, instalación de piscinas, automatismos ou enerxías renovables, entre outras moitas ofertas, dende o Recinto Feiral A Estrada comezarase nos próximos días coa presentación de expositores e a campaña publicitaria do evento.
KEEP READINGCando falta aproximadamente un mes para a inauguración da 34ª edición da Feira do Moble de Galicia, que terá lugar entre os días 15 e 18 de setembro, a Fundación de Exposicións e Congresos da Estrada conta xa cun 90% do seu espazo expositivo ocupado. O evento, que tivo que pospoñer as súas citas habituais dos anos 2020 e 2021 por mor da pandemia sanitaria motivada polo coronavirus, retoma así a súa tradicional celebración con practicamente os seus catro pavillóns reservados.
Nesta nova edición, os visitantes atoparán un certame orientado ao equipamento completo do fogar. Deste xeito, xunto a mobiliario de distintas tendencias, o público poderá percorrer 11.000 metros cadrados de exposición nos que estarán presentes sectores afíns como son a decoración, os complementos domésticos, a instalación de piscinas, os electrodomésticos, os automatismos ou as enerxías renovables, entre outros.
Amplo programa de actividades complementarias
Durante as súas catro xornadas de duración, a Feira do Moble de Galicia abrirá as súas portas dende as 11.00 ás 20.00 horas, tempo no que ademais de visitar a propia exposición os visitantes terán ao seu dispor un programa de actividades complementarias que se darán a coñecer nos próximos días.
Esta agardada cita do escaparate estradense do moble e do fogar chega logo de dous anos de interrupción a raíz da pandemia sanitaria. Neste senso, cabe lembrar que na súa última edición foron moitas as persoas que se achegaron ata o Recinto Feiral da Estrada e que realizaron compras ou contactos directos cos expositores presentes na feira.
KEEP READINGTres anos despois da última edición, no 2019, a Fundación de Exposicións e Congresos da Estrada acollerá unha nova Feira do Moble de Galicia. O evento, que tivo que pospoñer as súas citas habituais dos anos 2020 e 2021 por mor da pandemia sanitaria motivada polo coronavirus, celebrarase así entre o 15 e o 18 de setembro.
O certame acada a súa 34ª edición e nela ofrecerá un amplo escaparate de exposición e comercialización de mobles, complementos, artigos de decoración e outros útiles e prestacións para o equipamento do fogar nun amplo espazo de exposición distribuído en 4 pavillóns. O horario de visita terá carácter ininterrompido, entre as 11.00 e as 20.00 horas durante as catro xornadas de duración da feira.
Cabe lembrar que, na súa última edición, a Feira do Moble pechou cun balance de 12.000 visitantes. Deles, máis da metade -un 56%- realizou compras ou contactos directos con expositores. En relación coa boa acollida do evento entre o público, hai que subliñar tamén que case catro de cada dez persoas que se achegaron en 2019 o facían por primeira vez, sinalando na súa práctica totalidade a intención de volver nas seguintes convocatorias.
Con máis de tres décadas de traxectoria, esta cita estradense supón un escaparate de referencia para o sector do moble, a decoración e os artigos do fogar. Así, a Feira do Moble de Galicia está orientada tanto á satisfacción do público particular -que atopará un amplo abano de posibilidades para amoblar ou equipar o seu fogar- coma ao profesional, con atención neste último caso á ampliación de mercados e carteiras de clientes nun momento no que o auxe do sector inmobiliario está a realzar a comercialización de mobles e produtos afíns.
Entre os sectores representados no certame, xunto coas propostas de mobiliario o visitante atopará tamén decoración, descanso, tapicería, electrodomésticos, automatismos ou enerxías renovables, entre outras áreas de equipamento do fogar.
KEEP READINGRecinto Feiral A Estrada
4 Pavillóns,mais de 8.500 m2 de superficie expositiva.Aparcamento gratuito para expositores e visitantes.Situado nun enclave estratéxico a 20 minutos de Santiago de Compostela
A Fundación de Exposicións e Congresos da Estrada, como entidade organizadora da Feira do Moble de Galicia, fixo públicos hoxe os resultados da enquisa realizada nos últimos días a 325 visitantes, na que destaca o feito de que o 58% das persoas enquisadas (193 mulleres e 132 homes) afirmou ter realizado compras na feira ou ter establecido contactos para concretar compras no futuro.
Respecto aos ámbitos de interese, a meirande parte dos enquisados (73%) asegurou que visitaba o certame atraído polos expositores de mobiliario, mentres que o 11% buscaba complementos, o 10% antigüidades e o 6% restante, outros subsectores.
En canto á procedencia dos enquisados, a provincia de Pontevedra é a que máis visitantes aporta á Feira do Moble cun 70%, dos cales o 26% corresponden ao municipio estradense e o 44% restante aos concellos do resto da provincia. Por detrás, séguelle no ranking A Coruña cun 23%, Lugo cun 2% e Ourense cun 1%. O 2% restante corresponde a visitantes de fóra de Galicia.
As estatísticas da enquisa indican tamén que o 51% dos visitantes acudiron á Feira do Moble por primeira vez e que o 50% dá por seguro que voltará en vindeiras edicións, mentres que o 35% non descarta esa posibilidade.
Preguntados sobre o coñecemento da celebración desta Feira do Moble, o 20% asegurou terse informado a través dos xornais, o 18% a través da radio, o 17% mediante as bandeirolas publicitarias, o 15% por internet, o 6% pola televisión e o 24% restante por outros medios.
Valoración positiva
En xeral, a opinión dos enquisados respecto a esta 33ª Feira do Moble de Galicia é positiva, xa que o 77% concédelle máis dun aprobado, sendo o 51% os que lle outorgan como mínimo un notable. Ademais, o 62% valora satisfactoriamente a cantidade de empresas expositoras e o 77% considérase satisfeito coa calidade das mesmas.
Repercusión económica na contorna
En canto á repercusión da Feira do Moble de Galicia na economía da contorna, a enquisa revela que dos visitantes procedentes de fóra do municipio estradense o 12% pernoctou na Estrada, o 35% acudíu a algún restaurante local, o 35% mercou en comercios locais, o 12% aproveitou a ocasión para realizar algunha visita turística e o 52% realizou algún gasto en gasolineiras, bares ou cafetarías.
KEEP READINGAs instalacións do recinto feiral da Estrada acolleron hoxe o acto de entrega do XXIV Premio Xornalístico Manuel Reimóndez Portela, que nesta edición o xurado outorgou a Henrique Neira Pereira por unha serie de cinco artigos publicados no diario Código Cero.
O xurado, que estivo conformado por Juan Constenla Carbón, Victoria Reimóndez Sanmartín, María del Carmen Viéites Conde, Enrique Otero Fernández, Juan Andrés Fernández Castro e José Manuel Bouzas Blanco, destacou dos artigos de Henrique Neira “a unidade temática e a súa frescura, así como a particular visión que nos ofrece de aspectos pouco coñecidos de catro grandes escritores galegos: Vicente Risco, Emilia Pardo Bazán, Wenceslao Fernández Florez e Rosalía de Castro”.
Nesta ocasión o mantedor do acto foi o médico, profesor e escritor Juan Jesús Gestal Otero, ao que precedeu unha ofrenda floral por parte do médico, forense e escritor Marcelino Salgueiro Rodríguez.
KEEP READINGO sorteo do mobiliario dun apartamento por valor de 2.500 € é unha das principais accións promocionais ideadas pola Fundación de Exposicións e Congresos da Estrada para tratar de atraer un maior número de visitantes á 33ª Feira do Moble de Galicia, co obxectivo de superar o rexistro de case 12.000 visitantes da última edición.
A organización do certame vén de facer públicas as bases deste sorteo patrocinado pola Asociación de Fabricantes e Comerciantes da Estrada (AFCME), no que poderán participar tódolos visitantes maiores de 12 anos que desde o xoves 19 ata o domingo 22 de setembro paguen a entrada de 1 euro -o mércores 18 o acceso ao recinto é de balde- e a depositen na urna correspondente situada no interior do recinto.
O sorteo realizarase o domingo 22 ás 20.00 horas e a persoa afortunada poderá elixir entre as propostas de mobiliario presentadas por tres firmas afiliadas á AFCME: Muebles García Lorenzo, Artest Mobiliario e Muebles Pose Mato – Nattex A Estrada. Cadansúa proposta consta do mobiliario dun recibidor, os mobles dun salón, un sofá, un dormitorio principal e un dormitorio secundario. As bases do sorteo tamén recollen
que no suposto caso de que a persoa agraciada desexe substituír estas propostas por calquera outra peza destas tres firmas colaboradoras tamén poderá facelo, sempre e cando non supere o importe de 2.500 euros.
Outros sorteos
Este sorteo do mobiliario dun apartamento non é o único que se celebrará durante a feira, senón que as entradas tamén permitirán entrar no sorteo de tres estancias en casas de turismo rural, en colaboración coa Asociación Mar de Compostela; seis vales de compra aportados pola Asociación de Comerciantes da Estrada para mercar no comercio local e tres ceas no Restaurante O Asador de Leo.
Campaña promocional
Por outra banda, a Fundación de Exposicións e Congresos da Estrada está a últimar tódolos detalles preparativos da feira. Así, esta semana comezaron a executarse traballos de mantemento no pavillón 5 -pintado exterior e modernización da iluminación interior-, que contan coa financiación da Xunta de Galicia. Ademais, a partires deste vindeiro luns intensificaranse as accións promocional do certame cunha campaña multicanle: instalaranse 1.000 bandeirolas publicitarias en toda Galicia, lanzarase unha campaña publicitaria e de entrevistas en Radio Estrada e reforzarase a presenza nas redes sociais.
KEEP READINGA Fundación de Exposicións e Congresos da Estrada, entidade organizadora da Feira do Moble de Galicia, informa que preto de medio de cento de empresas de diferentes sectores relacionados co mobiliario, a decoración, o interiorismo e os complementos confirmaron xa a súa presenza no certame, que abrirá as súas portas entre o 18 e o 22 de setembro.
Na relación de firmas da contorna que acudirán á feira figuran as estradenses Artest, Lani Estrada, Carpintería Rivas, Nattex A Estrada e Irmáns Picaño, a lalinense Carlos Seixas e a cuntiense Piscinas Míguez, entre outras. Varias delas, concretamente Artest, Lani Estrada, Carpintería Rivas e Carlos Seixas, serán as encargadas de darlle a benvida aos visitantes, posto que volverán estar ubicadas no pavillón número 3, que acollerá novamente a entrada ao recinto feiral.
Desde a organización da feira estanse a comercializar os últimos espazos expositivos dispoñibles, ao tempo que se continúa a traballar na definición da programación de actividades complementarias, entre as que figuran exposicións, espectáculos de maxia e algunha charla formativa.
Ademais, tamén se está a ultimar a campaña promocional, un ámbito no que un dos maiores atractivos da presente edición é o sorteo do mobiliario dun apartamento, patrocinado pola Asociación de Fabricantes e Comerciantes de Mobles (AFCME), no que poderán participar tódolos asistentes que adquiran unha entrada, cuxo prezo será dun euro. O gañador deste sorteo poderá elixir entre tres opcións de mobiliario que proporcionarán tres firmas afiliadas á AFCME: Artest, Muebles Pose Mato – Nattex A Estrada e Muebles García Lorenzo.
Dito sorteo celebrarase o último día da feira, o domingo 22 de setembro ás 20.00 horas, mentres que desde o xoves ata o sábado celebraranse outros sorteos adicionais de estancias en casas de turismo rural -en colaboración con Mar de Compostela-, ceas no restaurante Asador de Leo, vales de compra en comercios afiliados á ACOE e entradas para o curro da Rapa das Bestas de Sabucedo de 2020.
KEEP READINGO xerente da Fundación de Exposicións e Congresos da Estrada, Nemesio Rey, cualificou hoxe como “satisfactorio” o balance da 32ª Feira do Moble de Galicia desde a perspectiva da organización e asegura que as cifras de visitantes e as valoracións xerais dalgúns expositores constatan que o certame “aínda ten moito percorrido por diante, para que siga a ser o referente do moble da Estrada en toda Galicia”.
Na rolda de prensa ofrecida este mediodía no recinto feiral, Nemesio Rey considerou que os cambios introducidos este ano -a eliminación dos stands fixos, a redistribución dos espazos, a redución de nove a cinco días e a maior aposta no eido da comunicación e o marketing- foron “positivos”. “Non quero ser triunfalista, pero sabemos que facendo así as cousas e seguindo con esta dinámica, a Feira do Moble pode superar as cifras deste ano, que xa foron realmente boas”, apuntou.
Para iso, apelou ao “traballo conxunto das administracións, a fundación e o sector” para seguir impulsando a feira. Desde a perspectiva da fundación, asumiu o reto de “tentar traer aínda máis mobles que este ano, incluso aumentando algún pavillón o ano que vén”, para responder á demanda manifestada nas enquisas polos visitantes, que desexan contar con máis stands de mobiliario e cunha maior diversidade de oferta e de estilos.
De cara ao futuro, o xerente da fundación anunciou que “en breve” convocará unha reunión co sector do moble, priorizando aos expositores que participaron nesta edición da feira, pero convidando tamén a aqueles que non o fixeron para “escoitar as súas opinións” e tentar convencelos de que asistan o vindeiro ano. “Nós facemos a nosa valoración, pero tamén queremos escoitar o que os expositores viron desde os seus stands, desde dentro da feira, para, entre todos, seguir cambiando e mellorando cousas”, remarcou.
En canto aos posibles cambios, Nemesio Rey apuntou que unha das cuestións que se valorará será a ampliación do horario de peche, pasando das oito da tarde ás nove, así a potenciación dos showcookings e a incorporación “doutras actividades paralelas que chamen realmente a atención”.
KEEP READING