O recinto feiral da Estrada acolleu hoxe a inauguración oficial da Feira do Moble de Galicia, un certame que chega á súa 34ª edición -logo de dous anos de interrupción por mor da pandemia sanitaria- con máis de medio cento de expositores repartidos en catro pavillóns. Ao acto de apertura, que correu a cargo do delegado territorial da Xunta de Galicia en Pontevedra, Luis López Diéguez, asistiron tamén o alcalde estradense, José López Campos, o director xeral de Emerxencias e Interior, Santiago Villanueva, e o vogalda Cámara de Comercio de Pontevedra, Vigo e Vilagarcía de Arousa Miguel Ángel García Miguens, entre outras autoridades.
O alcalde da Estrada, José López Campos, foi o encargado de abrir a rolda de intervencións. Fíxoo facendo referencia á complexidade que supón a organización dun certame destas características nun momento de dificultades por mor da pandemia sanitaria e da propia evolución do mercado. Sinalou o primeiro edil estradense que os tempos cambian de xeito rápido e referiuse especialmente á relación entre o produtor e o consumidor final. Subliñou ademais que, na Estrada, o do moble segue a ser o principal sector económico, tanto no referido á creación de emprego como de xeración de riqueza, sendo quen de situar os produtos locais en tódolos recunchos do mundo. Insistiu tamén López Campos no apoio das diversasadministracións ao certame, como é o caso da Xunta de Galicia ou a Deputación de Pontevedra.
O alcalde da Estrada quixo agradecer tamén o traballo levado a cabo pola Fundación de Exposicións e Congresos ao longo da historia da Feira do Moble, subliñando por exemplo os esforzos do padroado da Fundación de Exposicións e Congresos, os impulsores da cita feiral e os expositores que ano tras ano foron pasando polo recinto estradense. Antes de rematar a súa intervención, fixo mención á etapa de cambio que afronta a entidade como referente, medio e escaparate do sector do moble. Xa finalmente, López Campos mostrouse convencido de que esta edición da Feira do Moble será un novo éxito de público.
Pola súa banda, o delegado territorial da Xunta de Galicia en Pontevedra, Luis López Diéguez, amosou a súa ledicia pola celebración dunha Feira do Moble moi agardada e louvou a resistencia do certame como escaparate dun sector que forma parte da vida dos galegos, tal e como sinalou en referencia ao arraigo do sector do moble e da madeira na comunidade.
Aludiu tamén á actual como a edición que debe marcar o punto de inflexión para que o certame evolucione e se adapte aos novos tempos, sendo -dixo- o cimento da cita que se queira para o futuro. Un futuro, precisamente, sobre o que insistiu na necesidade de afrontalo con decisión dado que o sector do moble e da madeira está máis forte que nunca. Neste senso, quixo lembrar López Diéguez que máis de 700 empresas da comunidade están vinculadas co traballo da madeira e do moble, facturando máis de 500 millóns de euros anuais e con máis de 3,6 millóns de pezas fabricadas cada ano, das que sobresaen as cociñas. De xeito especial, o delegado territorial da Xunta salientou o papel destacado do sector do moble local na área das grandes instalacións e os equipamentos de espazos de servizos, o contract.
Durante a súa intervención na inauguración da Feira do Moble, fixo referencia Luis López ao tradicional bo facer das industrias galegas adicadas ao sector e resaltou a actual aposta das mesmas polo deseño, a loxística ou a vangarda. Sinalando que este debe ser o camiño que se percorra, quixo destacar tamén o delegado territorial o peso do sector do moble local, con 31 empresas, todas elas modernizadas. Lembrou que a segunda xeración que se atopa ao fronte das mesmas está obtendo resultados de récord tanto en emprego coma en facturación, acertando coa especialización dun sector que sostén na zona uns550 empregos directos.
En referencia á fortaleza desta actividade local, xa para rematar o representante da administración autonómica lembrou que o sector imprime marca ao Concello da Estrada e subliñou o papel do municipio como capital do moble por rendemento, calidade e convencemento.
Deste xeito, o recinto da Fundación de Exposicións e Congresos acolle ata o domingo unha ampla mostra de produtos e servizos para a totalidade do fogar entre os que figuran o mobiliario doméstico e de xardín, a tapicería, o descanso, a decoración ou os electrodomésticos así coma prestación en climatización, calefacción, automatismos ou mercado inmobiliario.
O certame, que pode visitarse de xeito interrompido entre as 11.00 e as 20.00 horas, conta ademais cunamplo programa de actividades paralelas. Para mañá, venres, destaca a apertura do parque infantil situado no pavillón 6 ás 16.00 horas. Así mesmo e xa en materia cultural, a tarde proseguirá co acto de entrega do XXVII Premio Xornalístico Manuel Reimóndez Portela, fixado para as 19.00 horas. Finalmente, celebrarase o sorteo de agasallos entre os visitantes (vales de combustible e ceas patrocinados por Servicios Puente Liñares, Estación de Servicio Strada, SBC Gasolineras e o Asador de Leo).
KEEP READINGO Recinto Feiral da Estrada acolle este xoves a inauguración da 34ª Feira do Moble, unha agardada edición que chega logo de dous anos de interrupción por mor da pandemia sanitaria. A cita, que no seu primeiro día de celebración terá carácter gratuíto, foi presentada hoxe nas instalacións da Fundación de Exposicións e Congresos, onde os representantes das distintas entidades que conforman o padroado mostraron unha vez máis o seu compromiso co sector da madeira e do moble. Neste acto cos medios de comunicación, destacouse o logro que supón abrir este certame co cen por cen do seu espazo expositivo ocupado e cunha oferta moi ampla de equipamento para a totalidade do fogar.
O encargado de comezar a rolda de intervencións foi o representante da Asociación de Fabricantes e Comerciantes do Moble da Estrada, César Barbosa. Resaltáronse neste momento, entre outros aspectos, a importancia para o tecido empresarial vencellado ao sector do moble e da madeira dunha cita feiral na que participan firmas autonómicas, nacionais e internacionais. Todas elas -que chegan de lugares coma Asturias, Madrid, Toledo, Sevilla, Valladolid, Alicante ou Portugal- mostrarán ao público distintas tendencias en mobiliario, decoración e equipamento para o fogar.
Seguidamente, Miguel Angel García Miguens, vogal da Cámara de Comercio de Pontevedra, Vigo e Vilagarcía de Arousa, realzou o papel deste evento como factor de promoción do sector tanto no ámbito de proximidade coma fóra deste e incidiu no feito de que a feira volva con forza pasadas as restricións da crise sanitaria. Alabou ademais García a boa resposta dos expositores do certame e destacou a novidosa oferta de produtos que se presentarán na Estrada ao longo dos próximos días.
A continuación, o deputado provincial Manuel González Martínez subliñou o feito de que a Feira do Moble poña á Estrada no mapa a nivel nacional e internacional, sendo un escaparate da localidade nos distintos eidos entre os que mencionou o económico ou o turístico, por exemplo.
Xa na súa quenda, o Xefe Territorial de Medio Rural en Pontevedra, Antonio Crespo Iglesias, puxo de manifesto como a pandemia afianzou o valor do fogar como espazo de vida, traballo, estudos ou lecer e, con iso, a necesidade de que o seu equipamento responda ás necesidades de cada familia. Destacou así mesmo o compromiso da Xunta de Galicia coa Feira do Moble, destacando finalmente o factor innovador da mesma.
Finalmente, o alcalde da Estrada, José López Campos, salientou o apoio das distintas entidades presentes no citado padroado da Fundación de Exposicións e Congresos e, recoñecendo a complexidade do momento para a actividade comercial, amosou tamén o seu desexo de que eventos coma a Feira do Moble sirvan de revulsivo.
O mandatario local recoñeceu tamén a necesidade de que dende a Xunta de Galicia se manifeste o compromiso necesario para contar cun “xerente que capitanee este proxecto”. Nesta orde de cousas, reiterou o agradecemento ao persoal da Fundación de Exposicións e Congresos pola organización do evento que reunirá na Estrada dende o xoves ata o domingo a máis de 50 expositores.
No tocante ao sector do moble local, López Campos puxo sobre a mesa o bo momento polo que atravesan as empresas estradenses do moble e da madeira, con gran carga de traballo e proxectos innovadores en funcionamento. Entre eles, resaltou a súa participación en equipamentos hoteleiros de vangarda e infraestruturas de primeiro nivel que lles permiten mellorar cada día as súas cifras de empregabilidade e actividade económica. Neste senso, expresou tamén a necesidade de artellar unha estratexia para que a Fundación de Exposicións e Congresos reforce o seu papel como ferramenta a disposición do sector local. Para rematar, o alcalde estradense convidou ao público a achegarse ata A Estrada para percorrer os catro pavillóns nos que se distribúe o espazo expositivo.
Programa de actividades
A continuación, detállase o programa de actividades da 34ª edición da Feira do Moble.
Xoves 15 de setembro
– 9.30 horas: Emisión en directo do programa “Galicia por Diante” da Radio Galega desde o recinto feiral da Estrada
– 11.00 horas: Apertura do recinto feiral (entrada de balde)
– 12.00 horas: Inauguración oficial do certame a cargo de D. Luis López Diéguez, Delegado Territorial da Xunta de Galicia en Pontevedra
– 16.00-20.00 horas: Apertura parque infantil (Pavillón 6)
– 20.00 horas: Peche do recinto feiral
Venres 16 de setembro
– 11.00 horas: Apertura do recinto feiral
– 16.00-20.00 horas: Apertura parque infantil (Pavillón 6)
– 19.00 horas: Acto de entrega do XXVII Premio Xornalístico Manuel Reimóndez Portela
– 20.00 horas: Sorteo de agasallos entre os visitantes (Vales de combustible e ceas patrocinados por Servicios Puente Liñares, Estación de Servicio Strada, SBC Gasolineras e o Asador de Leo)
– 20.00 horas: Peche do recinto feiral
Sábado 17 de setembro
– 11.00 horas: Apertura do recinto feiral
– 12.00-14.00 horas: Apertura parque infantil (Pavillón 6)
– 16.00-20.00 horas: Apertura parque infantil (Pavillón 6)
– 18.00 horas: Actuación do mago Popín Palomero. Actividade cofinanciada pola Excma. Deputación Provincial de Pontevedra
– 20.00 horas: Sorteo de agasallos entre os visitantes (Estancias en casas de Turismo Rural, patrocinadas por Asoc. Cultural Mar de Compostela e Fundación de Exposicións e Congresos da Estrada)
– 20.00 horas: Peche do recinto feiral
Domingo 18 de setembro- 11.00 horas: Apertura do recinto feiral
– 12.00 a 14.00 horas: Apertura parque infantil (Pavillón 6)
– 16.00 a 20.00 horas: Apertura parque infantil (Pavillón 6)
– 18. 00 horas: Actuación do mago ilusionista Marco. Actividade cofinanciada pola Excma. Deputación provincial de Pontevedra
– 20.00 horas: Sorteo de agasallos entre os visitantes (estancias en balneario Termas de Cuntis, patrocinadas por Balneario Termas de Cuntis e Fundación de Exposicións e Congresos da Estrada)
– 20.00 horas: Peche do recinto feiral
Finalmente, cabe lembrar que o público terá a oportunidade de percorrer os distintos pavillóns da Feira do Moble entre o xoves e o domingo, en horario ininterrumpido dende as 11.00 ás 20.00 horas.
KEEP READINGO Delegado Territorial da Xunta de Galicia en Pontevedra, Luís López Diéguez será o encargado de inaugurar o xoves, día quince, na Estrada a 34ª Feira do Moble de Galicia.
Previamente o vindeiro martes, día trece, terá lugar a presentación do certame aos medios de comunicación. Neste acto estarán presentes o alcalde da Estrada, José López Campos, oxefe territorial de Medio Rural en Pontevedra Antonio Crespo Iglesias, o deputado da Deputación de Pontevedra, Manuel González Martínez, Miguel Ángel García Miguens, Vogal da Cámara de Comercio de Pontevedra, Vigo e Vilagarcía de Arousa
e César Barbosa Cardoso, representante da Asociación de Fabricantes e Comerciantes do Moble da Estrada que mostran así o respaldo das diversas institucións que compoñen o padroado ao certame sectorial da madeira, do moble e do fogar.
No acto, detallarase a programación completa da Feira do Moble, que se celebra na Estrada do 15 ao 18 de setembro e que conta xa co cen por cen do seu espazo expositivo ocupado. Cabe sinalar que nesta 34ª edición do certame participarán firmas autonómicas, nacionais e internacionais que mostrarán ao público distintas tendencias en mobiliario, decoración e equipamento para o fogar e que chegan de lugares coma Asturias, Madrid, Toledo, Sevilla, Valladolid, Alicante, Bizkaia ou Portugal, entre outros.
Revista oficial do certame
No acto de presentación darase a coñecer a revista oficial coa que se vai promocionar o certame, entre os distintos públicos e na que se detalla a relación completa das firmas expositoras así coma as actividades complementarias do evento feiral. A revista foi impresa na Deputación de Pontevedra e distribuirase nun medio de comunicación a modo de encarte para promocionar o certame.
Radio en directo
O día 15 de setembro -coincidindo coa inauguración do certame-achegarase ao recinto feiral un equipo da Radio Galega para a emisión en directo do coñecido programa “Galicia por Diante”.
Finalmente, cab lembrar que o público terá a oportunidade de percorrer os distintos pavillóns da Feira do Moble entre o xoves e o domingo, en horario ininterrumpido dende as 11.00 ás 20.00 horas.
KEEP READINGFaltan pouco máis de quince días para que A Estrada reciba a trixésimo cuarta Feira do Moble de Galicia. Esta nova edición vén de alcanzar o 100% da ocupación do seu espazo expositivo, no que firmas autonómicas, nacionais e internacionais mostrarán todas as novidades do sector do fogar durante os catro días de duración do certame.
Os usuarios interesados en coñecer o mercado actual de mobiliario doméstico e decoración teñen unha cita ineludible do 15 ao 18 de setembro, de 11.00 a 20.00 horas, no Recinto Feiral A Estrada. A maioría dos expositores pertencen á comunidade galega, tamén poderán coñecer e deixarse aconsellar por firmas procedentes de Biscaia, Ciudad Real, Córdoba, Madrid, Toledo, Sevilla, Valladolid ou Portugal.
Por outra banda, o Comité Executivo da Fundación de Exposicións e Congresos da Estrada reuniuse para tratar diferentes temas. Ao encontro asistiron o alcalde da Estrada, José López Campos; o delegado territorial da Xunta de Galicia en Pontevedra e o representante da ACE , José Luís Carracedo.
Na reunión presentouse a proposta publicitaria para a Feira do Moble, así como os orzamentos da entidade para o ano 2023.
Malia que haberá que agardar ata o vindeiro xoves 15 de setembro para coñecer en vivo e directo as novas en materia de decoración, mobiliario, electrodomésticos, complementos do fogar, instalación de piscinas, automatismos ou enerxías renovables, entre outras moitas ofertas, dende o Recinto Feiral A Estrada comezarase nos próximos días coa presentación de expositores e a campaña publicitaria do evento.
KEEP READINGCando falta aproximadamente un mes para a inauguración da 34ª edición da Feira do Moble de Galicia, que terá lugar entre os días 15 e 18 de setembro, a Fundación de Exposicións e Congresos da Estrada conta xa cun 90% do seu espazo expositivo ocupado. O evento, que tivo que pospoñer as súas citas habituais dos anos 2020 e 2021 por mor da pandemia sanitaria motivada polo coronavirus, retoma así a súa tradicional celebración con practicamente os seus catro pavillóns reservados.
Nesta nova edición, os visitantes atoparán un certame orientado ao equipamento completo do fogar. Deste xeito, xunto a mobiliario de distintas tendencias, o público poderá percorrer 11.000 metros cadrados de exposición nos que estarán presentes sectores afíns como son a decoración, os complementos domésticos, a instalación de piscinas, os electrodomésticos, os automatismos ou as enerxías renovables, entre outros.
Amplo programa de actividades complementarias
Durante as súas catro xornadas de duración, a Feira do Moble de Galicia abrirá as súas portas dende as 11.00 ás 20.00 horas, tempo no que ademais de visitar a propia exposición os visitantes terán ao seu dispor un programa de actividades complementarias que se darán a coñecer nos próximos días.
Esta agardada cita do escaparate estradense do moble e do fogar chega logo de dous anos de interrupción a raíz da pandemia sanitaria. Neste senso, cabe lembrar que na súa última edición foron moitas as persoas que se achegaron ata o Recinto Feiral da Estrada e que realizaron compras ou contactos directos cos expositores presentes na feira.
KEEP READINGTres anos despois da última edición, no 2019, a Fundación de Exposicións e Congresos da Estrada acollerá unha nova Feira do Moble de Galicia. O evento, que tivo que pospoñer as súas citas habituais dos anos 2020 e 2021 por mor da pandemia sanitaria motivada polo coronavirus, celebrarase así entre o 15 e o 18 de setembro.
O certame acada a súa 34ª edición e nela ofrecerá un amplo escaparate de exposición e comercialización de mobles, complementos, artigos de decoración e outros útiles e prestacións para o equipamento do fogar nun amplo espazo de exposición distribuído en 4 pavillóns. O horario de visita terá carácter ininterrompido, entre as 11.00 e as 20.00 horas durante as catro xornadas de duración da feira.
Cabe lembrar que, na súa última edición, a Feira do Moble pechou cun balance de 12.000 visitantes. Deles, máis da metade -un 56%- realizou compras ou contactos directos con expositores. En relación coa boa acollida do evento entre o público, hai que subliñar tamén que case catro de cada dez persoas que se achegaron en 2019 o facían por primeira vez, sinalando na súa práctica totalidade a intención de volver nas seguintes convocatorias.
Con máis de tres décadas de traxectoria, esta cita estradense supón un escaparate de referencia para o sector do moble, a decoración e os artigos do fogar. Así, a Feira do Moble de Galicia está orientada tanto á satisfacción do público particular -que atopará un amplo abano de posibilidades para amoblar ou equipar o seu fogar- coma ao profesional, con atención neste último caso á ampliación de mercados e carteiras de clientes nun momento no que o auxe do sector inmobiliario está a realzar a comercialización de mobles e produtos afíns.
Entre os sectores representados no certame, xunto coas propostas de mobiliario o visitante atopará tamén decoración, descanso, tapicería, electrodomésticos, automatismos ou enerxías renovables, entre outras áreas de equipamento do fogar.
KEEP READINGRecinto Feiral A Estrada
4 Pavillóns,mais de 8.500 m2 de superficie expositiva.Aparcamento gratuito para expositores e visitantes.Situado nun enclave estratéxico a 20 minutos de Santiago de Compostela
A Fundación de Exposicións e Congresos da Estrada, como entidade organizadora da Feira do Moble de Galicia, fixo públicos hoxe os resultados da enquisa realizada nos últimos días a 325 visitantes, na que destaca o feito de que o 58% das persoas enquisadas (193 mulleres e 132 homes) afirmou ter realizado compras na feira ou ter establecido contactos para concretar compras no futuro.
Respecto aos ámbitos de interese, a meirande parte dos enquisados (73%) asegurou que visitaba o certame atraído polos expositores de mobiliario, mentres que o 11% buscaba complementos, o 10% antigüidades e o 6% restante, outros subsectores.
En canto á procedencia dos enquisados, a provincia de Pontevedra é a que máis visitantes aporta á Feira do Moble cun 70%, dos cales o 26% corresponden ao municipio estradense e o 44% restante aos concellos do resto da provincia. Por detrás, séguelle no ranking A Coruña cun 23%, Lugo cun 2% e Ourense cun 1%. O 2% restante corresponde a visitantes de fóra de Galicia.
As estatísticas da enquisa indican tamén que o 51% dos visitantes acudiron á Feira do Moble por primeira vez e que o 50% dá por seguro que voltará en vindeiras edicións, mentres que o 35% non descarta esa posibilidade.
Preguntados sobre o coñecemento da celebración desta Feira do Moble, o 20% asegurou terse informado a través dos xornais, o 18% a través da radio, o 17% mediante as bandeirolas publicitarias, o 15% por internet, o 6% pola televisión e o 24% restante por outros medios.
Valoración positiva
En xeral, a opinión dos enquisados respecto a esta 33ª Feira do Moble de Galicia é positiva, xa que o 77% concédelle máis dun aprobado, sendo o 51% os que lle outorgan como mínimo un notable. Ademais, o 62% valora satisfactoriamente a cantidade de empresas expositoras e o 77% considérase satisfeito coa calidade das mesmas.
Repercusión económica na contorna
En canto á repercusión da Feira do Moble de Galicia na economía da contorna, a enquisa revela que dos visitantes procedentes de fóra do municipio estradense o 12% pernoctou na Estrada, o 35% acudíu a algún restaurante local, o 35% mercou en comercios locais, o 12% aproveitou a ocasión para realizar algunha visita turística e o 52% realizou algún gasto en gasolineiras, bares ou cafetarías.
KEEP READINGAs instalacións do recinto feiral da Estrada acolleron hoxe o acto de entrega do XXIV Premio Xornalístico Manuel Reimóndez Portela, que nesta edición o xurado outorgou a Henrique Neira Pereira por unha serie de cinco artigos publicados no diario Código Cero.
O xurado, que estivo conformado por Juan Constenla Carbón, Victoria Reimóndez Sanmartín, María del Carmen Viéites Conde, Enrique Otero Fernández, Juan Andrés Fernández Castro e José Manuel Bouzas Blanco, destacou dos artigos de Henrique Neira “a unidade temática e a súa frescura, así como a particular visión que nos ofrece de aspectos pouco coñecidos de catro grandes escritores galegos: Vicente Risco, Emilia Pardo Bazán, Wenceslao Fernández Florez e Rosalía de Castro”.
Nesta ocasión o mantedor do acto foi o médico, profesor e escritor Juan Jesús Gestal Otero, ao que precedeu unha ofrenda floral por parte do médico, forense e escritor Marcelino Salgueiro Rodríguez.
KEEP READINGO sorteo do mobiliario dun apartamento por valor de 2.500 € é unha das principais accións promocionais ideadas pola Fundación de Exposicións e Congresos da Estrada para tratar de atraer un maior número de visitantes á 33ª Feira do Moble de Galicia, co obxectivo de superar o rexistro de case 12.000 visitantes da última edición.
A organización do certame vén de facer públicas as bases deste sorteo patrocinado pola Asociación de Fabricantes e Comerciantes da Estrada (AFCME), no que poderán participar tódolos visitantes maiores de 12 anos que desde o xoves 19 ata o domingo 22 de setembro paguen a entrada de 1 euro -o mércores 18 o acceso ao recinto é de balde- e a depositen na urna correspondente situada no interior do recinto.
O sorteo realizarase o domingo 22 ás 20.00 horas e a persoa afortunada poderá elixir entre as propostas de mobiliario presentadas por tres firmas afiliadas á AFCME: Muebles García Lorenzo, Artest Mobiliario e Muebles Pose Mato – Nattex A Estrada. Cadansúa proposta consta do mobiliario dun recibidor, os mobles dun salón, un sofá, un dormitorio principal e un dormitorio secundario. As bases do sorteo tamén recollen
que no suposto caso de que a persoa agraciada desexe substituír estas propostas por calquera outra peza destas tres firmas colaboradoras tamén poderá facelo, sempre e cando non supere o importe de 2.500 euros.
Outros sorteos
Este sorteo do mobiliario dun apartamento non é o único que se celebrará durante a feira, senón que as entradas tamén permitirán entrar no sorteo de tres estancias en casas de turismo rural, en colaboración coa Asociación Mar de Compostela; seis vales de compra aportados pola Asociación de Comerciantes da Estrada para mercar no comercio local e tres ceas no Restaurante O Asador de Leo.
Campaña promocional
Por outra banda, a Fundación de Exposicións e Congresos da Estrada está a últimar tódolos detalles preparativos da feira. Así, esta semana comezaron a executarse traballos de mantemento no pavillón 5 -pintado exterior e modernización da iluminación interior-, que contan coa financiación da Xunta de Galicia. Ademais, a partires deste vindeiro luns intensificaranse as accións promocional do certame cunha campaña multicanle: instalaranse 1.000 bandeirolas publicitarias en toda Galicia, lanzarase unha campaña publicitaria e de entrevistas en Radio Estrada e reforzarase a presenza nas redes sociais.
KEEP READING