O innovador proxecto Erasmus+ FUTUREfacing, centrado na innovación nos acabados e revestimentos que se empregan na fabricación de mobles, foi un dos protagonistas centrais desta cuarta xornada da 32ª Feira do Moble de Galicia, na que o recinto feiral da Estrada incrementou notablemente a afluencia de visitantes rexistrada nos días anteriores.
A xefa do Servizo de Orientación Profesional e Relación con Empresas da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Ana Alzate, e a técnica do CIS Madeira, Montserrat Rodríguez, foron as encargadas de explicar os avances rexistrados neste proxecto xurdido en 2017 e que integra aos seguintes socios: os centros tecnolóxicos CIS Madeira e CIS Galicia; a Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa; as empresas Finsa e Ilva; o centro educativo Rakvere Ametikool, de Estonia; e a asociación británica de fabricantes de acabados “British Coating Federation” (BCF).
Montserrat Rodríguez precisou que “o obxectivo do proxecto é transmitirlle aos alumnos información actualizada sobre os acabados e revestimentos dos mobles porque eses alumnos serán logo os vehículos que levarán a innovación ás empresas cando se incorporen ao mercado laboral”. Para iso, as distintas partes implicadas no proxecto están a traballar en tres liñas: a creación dun manual para que o alumnado e o profesorado dispoña de información actualizada; un simulador virtual de vernizado, que se está a exhibir na Feira do Moble e que ten como misión facilitar a aprendizaxe dos alumnos á hora de realizar este labor; e unha base de datos de produtos empregados nos acabados e revestimentos, que será pública e que permitirá consultar a través de internet un listado de distintos fabricantes.
Produtos axeitados para a docencia
Pola súa parte, Ana Alzate explicou que “o papel da Consellería céntrase en coordinar a participación do profesorado que está a validar que os produtos que se elaboran neste proxecto sexan axeitados para a docencia e estean adaptados ás necesidades do alumnado”.
“A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria ten unha ampla experiencia na participación de proxectos europeos non só deste tipo de innovación, senón tamén en proxectos de mobilidade, tanto do alumnado como do profesorado e dos recén titulados. Por iso este proxecto encaixa na liña de apostar por unha Formación Profesional de calidade, baseada na internacionalización e na innovación, camiñando sempre a carón das empresas, para que cumpra as necesidades dos sectores produtivos. Isto tradúcese nunha Formación Profesional cun alto nivel de inserción laboral”, asegurou Ana Alzate, antes de destacar “o papel que ten a F.P. Dual, que coa incorporación este ano de 39 ciclos, está a camiñar ao lado das empresas”.
Pola súa parte, o estradense Xosé Magariños, mestre participante na parte pedagóxica do proxecto, lembrou que “esta iniciativa naceu dunha necesidade dos docentes de contar con material actualizado no ámbito do acabado e do revestimento do mobiliario, xa que non existía ningún material didáctico”. Ao respecto, avanzou que, tras presentar o estado do proxecto na Feira do Moble, a vindeira semana un grupo de mestres galegos viaxará ata Estonia para reunirse cos profesores estonios do Rakvere Ametikool ao fin de avaliar tanto os avances no manual como no simulador.
Ademais desta presentación, na xornada de hoxe tamén destacou a visita realizada á Feira do Moble polos moteiros participantes na primeira ruta A Estrada Trail, así como a actividade do circuíto infantil de seguridade vial, instalado a carón do pavillón 2 por xentileza de Reale Seguros A Estrada.