A Estrada inaugura este xoves con entrada gratuíta a 34ª edición da Feira do Moble

14 Setembro, 2022 | wecom | blog

O Recinto Feiral da Estrada acolle este xoves a inauguración da 34ª Feira do Moble, unha agardada edición que chega logo de dous anos de interrupción por mor da pandemia sanitaria. A cita, que no seu primeiro día de celebración terá carácter gratuíto, foi presentada hoxe nas instalacións da Fundación de Exposicións e Congresos, onde os representantes das distintas entidades que conforman o padroado mostraron unha vez máis o seu compromiso co sector da madeira e do moble. Neste acto cos medios de comunicación, destacouse o logro que supón abrir este certame co cen por cen do seu espazo expositivo ocupado e cunha oferta moi ampla de equipamento para a totalidade do fogar.

O encargado de comezar a rolda de intervencións foi o representante da Asociación de Fabricantes e Comerciantes do Moble da Estrada, César Barbosa. Resaltáronse neste momento, entre outros aspectos, a importancia para o tecido empresarial vencellado ao sector do moble e da madeira dunha cita feiral na que participan firmas autonómicas, nacionais e internacionais. Todas elas -que chegan de lugares coma Asturias, Madrid, Toledo, Sevilla, Valladolid, Alicante ou Portugal- mostrarán ao público distintas tendencias en mobiliario, decoración e equipamento para o fogar.

Seguidamente, Miguel Angel García Miguens, vogal da Cámara de Comercio de Pontevedra, Vigo e Vilagarcía de Arousa, realzou o papel deste evento como factor de promoción do sector tanto no ámbito de proximidade coma fóra deste e incidiu no feito de que a feira volva con forza pasadas as restricións da crise sanitaria. Alabou ademais García a boa resposta dos expositores do certame e destacou a novidosa oferta de produtos que se presentarán na Estrada ao longo dos próximos días.

A continuación, o deputado provincial Manuel González Martínez subliñou o feito de que a Feira do Moble poña á Estrada no mapa a nivel nacional e internacional, sendo un escaparate da localidade nos distintos eidos entre os que mencionou o económico ou o turístico, por exemplo.

Xa na súa quenda, o Xefe Territorial de Medio Rural en Pontevedra, Antonio Crespo Iglesias, puxo de manifesto como a pandemia afianzou o valor do fogar como espazo de vida, traballo, estudos ou lecer e, con iso, a necesidade de que o seu equipamento responda ás necesidades de cada familia. Destacou así mesmo o compromiso da Xunta de Galicia coa Feira do Moble, destacando finalmente o factor innovador da mesma.

Finalmente, o alcalde da Estrada, José López Campos, salientou o apoio das distintas entidades presentes no citado padroado da Fundación de Exposicións e Congresos e, recoñecendo a complexidade do momento para a actividade comercial, amosou tamén o seu desexo de que eventos coma a Feira do Moble sirvan de revulsivo.

O mandatario local recoñeceu tamén a necesidade de que dende a Xunta de Galicia se manifeste o compromiso necesario para contar cun “xerente que capitanee este proxecto”. Nesta orde de cousas, reiterou o agradecemento ao persoal da Fundación de Exposicións e Congresos pola organización do evento que reunirá na Estrada dende o xoves ata o domingo a máis de 50 expositores.

No tocante ao sector do moble local, López Campos puxo sobre a mesa o bo momento polo que atravesan as empresas estradenses do moble e da madeira, con gran carga de traballo e proxectos innovadores en funcionamento. Entre eles, resaltou a súa participación en equipamentos hoteleiros de vangarda e infraestruturas de primeiro nivel que lles permiten mellorar cada día as súas cifras de empregabilidade e actividade económica. Neste senso, expresou tamén a necesidade de artellar unha estratexia para que a Fundación de Exposicións e Congresos reforce o seu papel como ferramenta a disposición do sector local. Para rematar, o alcalde estradense convidou ao público a achegarse ata A Estrada para percorrer os catro pavillóns nos que se distribúe o espazo expositivo.

Programa de actividades

A continuación, detállase o programa de actividades da 34ª edición da Feira do Moble.

Xoves 15 de setembro

– 9.30 horas: Emisión en directo do programa “Galicia por Diante” da Radio Galega desde o recinto feiral da Estrada

– 11.00 horas: Apertura do recinto feiral (entrada de balde)

– 12.00 horas: Inauguración oficial do certame a cargo de D. Luis López Diéguez, Delegado Territorial da Xunta de Galicia en Pontevedra

– 16.00-20.00 horas: Apertura parque infantil (Pavillón 6)

– 20.00 horas: Peche do recinto feiral

Venres 16 de setembro

–  11.00 horas: Apertura do recinto feiral

– 16.00-20.00 horas: Apertura parque infantil (Pavillón 6)

– 19.00 horas: Acto de entrega do XXVII Premio Xornalístico Manuel Reimóndez Portela

– 20.00 horas: Sorteo de agasallos entre os visitantes (Vales de combustible e ceas patrocinados por Servicios Puente Liñares, Estación de Servicio Strada, SBC Gasolineras e o Asador de Leo)

– 20.00 horas: Peche do recinto feiral

Sábado 17 de setembro

– 11.00 horas: Apertura do recinto feiral

– 12.00-14.00 horas: Apertura parque infantil (Pavillón 6)

– 16.00-20.00 horas: Apertura parque infantil (Pavillón 6)

– 18.00 horas: Actuación do mago Popín Palomero. Actividade cofinanciada pola Excma. Deputación Provincial de Pontevedra

– 20.00 horas: Sorteo de agasallos entre os visitantes (Estancias en casas de Turismo Rural, patrocinadas por Asoc. Cultural Mar de Compostela e Fundación de Exposicións e Congresos da Estrada)

– 20.00 horas: Peche do recinto feiral

Domingo 18 de setembro- 11.00 horas: Apertura do recinto feiral

– 12.00 a 14.00 horas: Apertura parque infantil (Pavillón 6)

– 16.00 a 20.00 horas: Apertura parque infantil (Pavillón 6)

– 18. 00 horas: Actuación do mago ilusionista Marco. Actividade cofinanciada pola Excma. Deputación provincial de Pontevedra

– 20.00 horas: Sorteo de agasallos entre os visitantes (estancias en balneario Termas de Cuntis, patrocinadas por Balneario Termas de Cuntis e Fundación de Exposicións e Congresos da Estrada)

– 20.00 horas: Peche do recinto feiral

Finalmente, cabe lembrar que o público terá a oportunidade de percorrer os distintos pavillóns da Feira do Moble entre o xoves e o domingo, en horario ininterrumpido dende as 11.00 ás 20.00 horas.