A 34ª Feira do Moble de Galicia recupera os niveis de público previos á pandemia e constata a satisfacción dos expositores participantes

19 Setembro, 2022 | FECAE | NOVAS

Nesta cuarta e última xornada da Feira do Moble de Galicia, a Fundación de Exposicións e Congresos constatou como, nesta 34ª edición, se recuperaron os niveis de público previos á pandemia sanitaria. Así, xunto cos visitantes locais, o certame recibiu espectadores chegados de toda Galicia, especialmente na fin de semana. En conxunto, esta cita feiral na que se mostraron propostas en equipamento para todo o fogar xuntou na Estrada a 10.000 persoas, unha cifra moi semellante á acadada en 2019 (nesta edición tivo un día menos de feira).

Así, o equipo organizativo recoñece que “esta edición foi complicada e complexa, polo que nos sentimos orgullosos da celebración do certame e de que o público nos volvese apoiar masivamente, recuperando a afluencia da última edición celebrada”. Neste senso, dende a Fundación de Exposicións e Congresos quere sinalarse tamén que foron moitos os visitantes que se achegaron ao recinto feiral buscando moble con selo local, polo que “o desexado sería contar con máis firmas de mobiliario na feira e, especialmente, de mobiliario estradense”.

Pese a todo, a meirande parte das firmas expositoras apuntan que as súas expectativas se cumpriron, subliñando parte delas que non agardaban “nin a masiva afluencia de público nin o volume de negocio xerado”. Por exemplo, dende a marca estradense Artest Mobiliario, valorando positivamente o certame, quixo lembrarse que a feira é un referente para A Estrada e para o sector local “por iso a apoio e secundo edición tras edición”. Ao respecto dos resultados, indicouse que “nesta edición, coma en todas as anteriores, logrei xerar contactos para logo materializalos en tenda. A feira para nós é un escaparate promocional e unha estratexia de marketing que nos consolida no mercado”.

Pero xunto a empresas xa veteranas da cita, este ano estiveron presentes na 34ª edición da Feira do Moble de Galicia outras que se estreaban no recinto. É o caso de Venstar, stand no que o seu equipo quixo manifestar a súa satisfacción a nivel organizativo e apuntou que “é a primeira vez que concurro a este certame e, dende logo, a miña valoración é moi positiva”. No tocante á afluencia de público sinalaron estar “satisfeitos” posto que “o venres e toda a xornada do sábado xeramos un importante volume de contactos” e mostraron o seu convencemento de que “fructificarán en ventas”.

Unha sensación semellante é a expresada dende a firma local Terca: “cumprimos o obxectivo primordial, que non era outro que o de darnos coñecer na faceta das enerxías renovables”. No que ten que ver cos resultados comerciais do encontro, sinalou o responsable desta empresa “non pensar facer nin a metade de contactos que fixen, dado que o meu servizo non é un produto de venda directa”, apuntou facendo notar a boa organización da Feira do Moble pero recoñecendo, iso si, que “o sector do moble non estivo convenientemente representado nesta edición, pois varios clientes comentaron que viñeron buscando mobiliario e non o atoparon”.

Finalmente, dende Frigohogar -outra das firmas que estiveron presentes por vez primeira neste evento- consideraron que “o equipo organizativo estivo á altura das circunstancias” pero que botaron en falta “o apoio local ao certame e, sobre todo, o das firmas de mobiliario”. Subliñando que os mellores resultados se obtiveron o sábado e o domingo, a firma veu tamén colmadas as súas expectativas pero quixo facer constar que “un certame coma este debe contar con máis apoio institucional”.

Entrega de premios

No referido ao resultado do sorteo celebrado na tarde do sábado, resultaron gañadores Chelo Conde (Ourense), Jose Luis Lemos (Noia) e María Jesús Leiro (Vilanova), que desfrutarán dunha estancia en casas de turismo rural da asociación Mar de Compostela en réxime de aloxamento (cuarto dobre) e almorzo.