A 34ª Feira do Moble de Galicia arranca na Estrada con máis de medio cento de expositores e propostas para o equipamento completo do fogar

16 Setembro, 2022 | FECAE | NOVAS

O recinto feiral da Estrada acolleu hoxe a inauguración oficial da Feira do Moble de Galicia, un certame que chega á súa 34ª edición -logo de dous anos de interrupción por mor da pandemia sanitaria- con máis de medio cento de expositores repartidos en catro pavillóns. Ao acto de apertura, que correu a cargo do delegado territorial da Xunta de Galicia en Pontevedra, Luis López Diéguez, asistiron tamén o alcalde estradense, José López Campos, o director xeral de Emerxencias e Interior, Santiago Villanueva, e o vogalda Cámara de Comercio de Pontevedra, Vigo e Vilagarcía de Arousa Miguel Ángel García Miguens, entre outras autoridades.

O alcalde da Estrada, José López Campos, foi o encargado de abrir a rolda de intervencións. Fíxoo facendo referencia á complexidade que supón a organización dun certame destas características nun momento de dificultades por mor da pandemia sanitaria e da propia evolución do mercado. Sinalou o primeiro edil estradense que os tempos cambian de xeito rápido e referiuse especialmente á relación entre o produtor e o consumidor final. Subliñou ademais que, na Estrada, o do moble segue a ser o principal sector económico, tanto no referido á creación de emprego como de xeración de riqueza, sendo quen de situar os produtos locais en tódolos recunchos do mundo. Insistiu tamén López Campos no apoio das diversasadministracións ao certame, como é o caso da Xunta de Galicia ou a Deputación de Pontevedra.

O alcalde da Estrada quixo agradecer tamén o traballo levado a cabo pola Fundación de Exposicións e Congresos ao longo da historia da Feira do Moble, subliñando por exemplo os esforzos do padroado da Fundación de Exposicións e Congresos, os impulsores da cita feiral e os expositores que ano tras ano foron pasando polo recinto estradense. Antes de rematar a súa intervención, fixo mención á etapa de cambio que afronta a entidade como referente, medio e escaparate do sector do moble. Xa finalmente, López Campos mostrouse convencido de que esta edición da Feira do Moble será un novo éxito de público.

Pola súa banda, o delegado territorial da Xunta de Galicia en Pontevedra, Luis López Diéguez, amosou a súa ledicia pola celebración dunha Feira do Moble moi agardada e louvou a resistencia do certame como escaparate dun sector que forma parte da vida dos galegos, tal e como sinalou en referencia ao arraigo do sector do moble e da madeira na comunidade.

Aludiu tamén á actual como a edición que debe marcar o punto de inflexión para que o certame evolucione e se adapte aos novos tempos, sendo -dixo- o cimento da cita que se queira para o futuro. Un futuro, precisamente, sobre o que insistiu na necesidade de afrontalo con decisión dado que o sector do moble e da madeira está máis forte que nunca. Neste senso, quixo lembrar López Diéguez que máis de 700 empresas da comunidade están vinculadas co traballo da madeira e do moble, facturando máis de 500 millóns de euros anuais e con máis de 3,6 millóns de pezas fabricadas cada ano, das que sobresaen as cociñas. De xeito especial, o delegado territorial da Xunta salientou o papel destacado do sector do moble local na área das grandes instalacións e os equipamentos de espazos de servizos, o contract.

Durante a súa intervención na inauguración da Feira do Moble, fixo referencia Luis López ao tradicional bo facer das industrias galegas adicadas ao sector e resaltou a actual aposta das mesmas polo deseño, a loxística ou a vangarda. Sinalando que este debe ser o camiño que se percorra, quixo destacar tamén o delegado territorial o peso do sector do moble local, con 31 empresas, todas elas modernizadas. Lembrou que a segunda xeración que se atopa ao fronte das mesmas está obtendo resultados de récord tanto en emprego coma en facturación, acertando coa especialización dun sector que sostén na zona uns550 empregos directos.

En referencia á fortaleza desta actividade local, xa para rematar o representante da administración autonómica lembrou que o sector imprime marca ao Concello da Estrada e subliñou o papel do municipio como capital do moble por rendemento, calidade e convencemento.

Apertura ata o domingo e entrega do Reimóndez Portela

Deste xeito, o recinto da Fundación de Exposicións e Congresos acolle ata o domingo unha ampla mostra de produtos e servizos para a totalidade do fogar entre os que figuran o mobiliario doméstico e de xardín, a tapicería, o descanso, a decoración ou os electrodomésticos así coma prestación en climatización, calefacción, automatismos ou mercado inmobiliario.

O certame, que pode visitarse de xeito interrompido entre as 11.00 e as 20.00 horas, conta ademais cunamplo programa de actividades paralelas. Para mañá, venres, destaca a apertura do parque infantil situado no pavillón 6 ás 16.00 horas. Así mesmo e xa en materia cultural, a tarde proseguirá co acto de entrega do XXVII Premio Xornalístico Manuel Reimóndez Portela, fixado para as 19.00 horas. Finalmente, celebrarase o sorteo de agasallos entre os visitantes (vales de combustible e ceas patrocinados por Servicios Puente Liñares, Estación de Servicio Strada, SBC Gasolineras e o Asador de Leo).