A Feira do Moble de Galicia celebra en setembro a súa 34º edición tras dous anos de interrupción a causa da pandemia sanitaria

6 Xullo, 2022 |by wecom | 0 Comments | blog

Tres anos despois da última edición, no 2019, a Fundación de Exposicións e Congresos da Estrada acollerá unha nova Feira do Moble de Galicia. O evento, que tivo que pospoñer as súas citas habituais dos anos 2020 e 2021 por mor da pandemia sanitaria motivada polo coronavirus, celebrarase así entre o 15 e o 18 de setembro.

O certame acada a súa 34ª edición e nela ofrecerá un amplo escaparate de exposición e comercialización de mobles, complementos, artigos de  decoración e outros útiles e prestacións para o equipamento do fogar nun amplo espazo de exposición distribuído en 4 pavillóns. O horario de visita terá carácter ininterrompido, entre as 11.00 e as 20.00 horas durante as catro xornadas de duración da feira.

Cabe lembrar que, na súa última edición, a Feira do Moble pechou cun balance de 12.000 visitantes. Deles, máis da metade -un 56%- realizou compras ou contactos directos con expositores. En relación coa boa acollida do evento entre o público, hai que subliñar tamén que case catro de cada dez persoas que se achegaron en 2019 o facían por primeira vez, sinalando na súa práctica totalidade a intención de volver nas seguintes convocatorias.

Con máis de tres décadas de traxectoria, esta cita estradense supón un escaparate de referencia para o sector do moble, a decoración e os artigos do fogar. Así, a Feira do Moble de Galicia está orientada tanto á satisfacción do público particular -que atopará un amplo abano de posibilidades para amoblar ou equipar o seu fogar- coma ao profesional, con atención neste último caso á ampliación de mercados e carteiras de clientes nun momento no que o auxe do sector inmobiliario está a realzar a comercialización de mobles e produtos afíns.

Entre os sectores representados no  certame, xunto coas propostas de mobiliario o visitante atopará tamén decoración, descanso, tapicería, electrodomésticos, automatismos ou enerxías renovables, entre outras áreas de equipamento do fogar.

KEEP READING