A XXXII Feira do Moble incorporará “cambios substanciais para marcar un punto de inflexión”

6 Xuño, 2018 |by wecom | 0 Comments | blog

O xerente da Fundación de Exposicións e Congresos da Estrada, Nemesio Rey, avanzou hoxe que a XXXII Feira do Moble de Galicia incorporará “cambios substanciais” en diferentes aspectos organizativos e de marketing cos que se pretende “marcar un punto de inflexión para que a feira sexa máis rendible para as empresas expositoras”.

Nemesio Rey explicou que, tras os contactos mantidos recentemente cos diferentes grupos políticos e coas empresas locais do sector, o persoal da fundación está a traballar “nunha batería de medidas” que se irán facendo visibles nas vindeiras semanas e que buscan “darlle aires de cambio e un novo pulo á feira”. Remarcou que “o obxectivo de partida da fundación non é encher o espazo expositivo de calquera forma, senón que vaise priorizar a participación de moblarías restándolle protagonismo e superficie aos sectores complementarios”.

Para conseguilo, centrarase o labor de comercialización da superficie de exposición en firmas dunha ducia de subsectores: moble de vangarda, moble contemporáneo, moble clásico, mobles de cociña, moble infantil, mobles de oficina, mobiliario exterior, sanitarios, interiorismo e decoración, descanso, iluminación e agasallos e complementos. Ademais, ofreceráselle ás empresas da bisbarra da área de contract a posibilidade de participar nun espazo común que permita poñer en valor ante os milleiros de visitantes da feira que “as fábricas de mobles da Estrada que sobreviviron á crise seguen a traballar para o mercado nacional e internacional”.

Redistribución de stands
Outros dos cambios organizativos que xa están previstos son limitar a duración da feira a cinco días -do 19 ao 23 de setembro, en horario continuado de 11.00 a 20.00- e levar a cabo unha redistribución dos stands, de forma que os visitantes poidan percibir mellor “unha imaxe de cambio”. Ao respecto, Nemesio Rey destacou que, ademais de retirarse os stands fixos que levaban moitos anos instalados, acordouse ubicar ás firmas locais no pavillón 3, que será a entrada principal ao recinto feiral.

En relación coa comercialización do espazo expositivo, Nemesio Rey salientou que nos últimos días comezou a realizarse este labor con empresas locais e destacou que “as ideas que lles trasladamos para transformar un pouco a feira están a ter moi boa acollida”. De feito, tres firmas como Mucarce, Fervenza Mobiliario e Artest xa se converteron nas primeiras empresas da contorna en contratar espazo.

Comunicación, marketing e publicidade
Por outra banda, a fundación tamén reforzará o traballo nas áreas de comunicación, marketing e publicidade para que a trixésimo segunda edición da Feira do Moble “soe con forza en toda Galicia e atraia non só ao gran público, senón tamén a profesionais dos sectores da arquitectura e a decoración”. Neste senso, Nemesio Rey anticipou que ademais de estrear proximamente unha nova páxina web, está prevista a edición dunha revista centrada nas firmas expositoras e apostarase tamén pola divulgación do certame nas redes sociais.

“O repunte da economía, da actividade empresarial e dos mercados inmobiliario e residencial está a supoñer un relanzamento da venda de mobles e queremos que a Feira do Moble da Estrada volva ser o gran escaparate para os potenciais compradores que haxa en Galicia”, concluíu o xerente da fundación.

KEEP READING